SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Abr. (EUROPA PRESS) -
O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga, asegurou que a "importante concentración de medios" para combater o incendio que afectou ás Fragas do Eume logrou que as lapas afectasen "como moito o 10 por cento" das máis de 9.000 hectáreas do parque natural, ao tempo que negou que este suceso sexa "o Prestige" do presidente Alberto Núñez Feijóo como afirma o PSdeG.
"Nin isto é un Prestige nin os danos deste lume son equivalentes (aos xerados polo afundimento do petroleiro en 2002)", sentenciou Puy, tras reunirse co Grupo Parlamentario Popular, que avaliou a información coñecida sobre este lume para concluír que "non houbo escaseza de medios, senón unha importante concentración" de efectivos que conseguiu, xunto á actuación "inmediata", evitar "unha desgracia moito maior" nas Fragas do Eume.
Deste modo, aínda que os datos aínda non se coñecen con exactitude, Puy aventurou que a afectación será "como moito dun 10 por cento" e destacou a "reacción inmediata" para combater o lume, así como a "coordinación" entre Xunta, concellos e Goberno central, ás que enviou "unha mensaxe de felicitación e respaldo" polos seus esforzos para apagar os lumes rexistrados na comunidade nunha situación meteorolóxica "adversa".
"Estamos nunha situación moi complicada, con 60 incendios diarios, dos que só permanece activo o que afecta ás Fragas do Eume", constatou o voceiro popular, quen avanzou que o seu grupo presentará iniciativas tras este lume, como instar á elaboración dun inventario ecolóxico dos danos e "colaborar" co resto de administracións na "restauración" das hectáreas afectadas para "repoboar e salvar" a zona calcinada polo lume.
Do mesmo modo, referiuse ás "xestións" realizadas por Feijóo en Madrid, onde formulou ante o Comité Executivo Nacional do PP, presidido por Mariano Rajoy, unha reforma do Código Penal que endureza as penas contra os pirómanos; e onde se reunirá co ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, para "incidir na importancia da investigación dos incendios" que están a asolar a cornixa cantábrica".
Núñez Feijóo mantivo tamén unha reunión co ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, na que "desbloquearon un convenio moi importante de máis de 150 millóns de euros" para asegurar abastecementos e saneamentos neste tempo de seca continua".
"NON É UN PRESTIGE"
Na súa intervención, preguntado polas críticas da oposición sobre a "escaseza de medios" para facer fronte aos lumes, Puy defendeu que "non a puiden falar" de que se producise esta situación e reivindicou a "eficacia" coa que se traballou para a súa extinción evitando "unha desgracia maior".
Reivindicou que houbo unha "importante concentración de medios" e lamentou que o PSdeG afirme que Feijóo "xa ten o seu Prestige". "Confío en que os socialistas, a diferencia do que fixeron co Prestige, sexan responsables", engadiu, para agregar que alberga "poucas esperanzas" ao respecto cando "se empeza a falar de mobilizacións políticas" mentres "o país se enfronta ao inimigo común" do lume.
"Nin isto é un Prestige nin os danos do lume son equivalentes", aseverou, ao tempo que rexeitou facer, polo momento, comparacións co acontecido na onda de 2006, cando o bipartito gobernaba Galicia, aínda que si defendeu que neste caso houbo un maior grao de coordinación.
Sobre as críticas verquidas por responsables locais do PPdeG en relación a unha suposta falta de medios, Puy defendeu que os que están "máis preto do lume" poden facer "nun momento determinado" este tipo de avaliacións, pero insistiu en que "poucos lumes" tantos efectivos traballando na súa extinción. "Non estamos satisfeitos coa súa existencia, pero a Xunta tivo unha boa actuación", remarcou.