Ana Miranda (BNG) sostén que "a esperanza" das vítimas de Angrois para "atopar a verdade" segue "en Europa"

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, coa Defensora do Pobo da Unión Europea ou Ombudsman, Emilly Ou'Reilly
BNG
Publicado: martes, 2 julio 2019 19:54

   Reclama ao Goberno central unha investigación "independente" e "tendo en conta a indefensión" das vítimas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou este martes que "a esperanza de atopar a verdade e a xustiza" para as vítimas do accidente do Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 en Angrois, en Santiago de Compostela, "segue estando de Europa".

   Así o manifestou tras o seu encontro mantido coa Defensora Europea do Pobo --Ombudsman--, a irlandesa Emily O'Reily, na xornada de arranque da lexislatura no Parlamento europeo, en Estrasburgo (Francia).

   Precisamente, esta institución europea admitiu a trámite hai menos de dúas semanas unha reclamación da plataforma de vítimas do sinistro en relación ao acceso ao expediente sancionador que a Comisión Europea interpuxo contra España por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria.

   Neste contexto, Ana Miranda valorou "o gran interese e dispoñibilidade mostrado pola Valedora Europea do Pobo polo caso Alvia", que deixou 80 vítimas mortais e máis de 140 feridos. Ademais, a eurodeputada informoulle do apoio do BNG á demanda da plataforma de afectados.

NORMATIVA DE SEGURIDADE FERROVIARIA

   Así mesmo, explicoulle a Emily O'Reilly que en 2017 o Bloque presentou unha denuncia contra o Estado español por "incumprir a normativa de seguridade ferroviaria". Precisamente, en xaneiro deste ano, transcendía a apertura dun procedemento sancionador por parte da Comisión Europea a España por este mesmo motivo.

   En relación con este proceso, Ana Miranda indicou que España pediu "aprazalo" e acaba de enviar un plan para aplicar a normativa de seguridade. No entanto, a eurodeputada nacionalista cre que "mentres non se faga por decreto ou lei, é como un papel mollado enviado á Comisión".

   Así as cousas, reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez a apertura dunha investigación "independente" e "non como a que fixo" a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) no 2015 e que foi "cuestionada" pola Axencia Ferroviaria Europea (ARE) en 2016.

   "O novo Goberno debería empezar por levar a cabo esa investigación tendo en conta a indefensión das vítimas do Alvia, que durante seis anos non contaron co apoio dos sucesivos gobernos", lamentou.