Ana Pontón critica a "estratexia partidista e errada" dos socialistas e reta a Feijóo a "actuar nos tribunais"

Publicado: jueves, 29 agosto 2019 15:03

   Ao seu xuízo o Estado ten unha "débeda moito maior" que os 700 millóns de euros que debe a Galicia

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a "estratexia partidista e errada" que están a levar a cabo os socialistas ao "xustificar e recoñecer" que a transferencia do financiamento a conta a Galicia "non se fai" porque "queren o apoio da dereita para lograr a investidura".

   Ademais, cualifica de "dantesca" a postura do PSOE, que durante o período electoral "fixo campaña contra o trifachito" e agora quere situarse "nalgunha desas patas da dereita" que anteriormente dicía que "había que temer".

   Respecto deste asunto, Pontón tamén retou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "actuar autónomamente", elaborar unha "estratexia propia" que non estea marcada dende Madrid e defender "os recursos da cidadanía galega" dende a "presión política", pero tamén dende "os tribunais".

   Así o expresou a líder do Bloque este xoves no concello pontevedrés do Rosal, no que denunciou que "Feijóo amague con levar ao Estado" ante os tribunais, pero que "á hora da verdade se pliegue" ás ordes de Génova.

   Neste sentido, insta á Xunta actuar para "desbloquear a situación" e a recoñecer "o gran erro do actual modelo de financiamento", no que "a chave do diñeiro está en Madrid" e non en Galicia.

UNHA DÉBEDA MAIOR

   Por outra banda, manifestou que España "ten unha débeda moito maior" con Galicia que os 700 millóns de euros e o exemplifica cos "200 millóns que debe en materia de dependencia" e os "máis de 2.000 millóns" que o Estado deixou de executar "en obras de mellora do ferrocarril".

   Ana Pontón fixo estas declaracións ao fío da súa visita ao municipio do Rosal, gobernado polo grupo nacionalista, que nesta localidade aposta por "dinamizar a vida económica e cultural" dende un "proxecto transformador" que "estivo traballado cos veciños" e que é un exemplo "dos resultados espectaculares" do BNG a nivel local "en todo o Baixo Miño".