Publicado 11/11/2014 18:53CET

A artista Guadi Galego lanza o videoclip 'Matriarcas' do seu novo álbum 'Lúas de outubro e agosto'

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Nov. (EUROPA PRESS) -

A artista Guadi Galego lanzou este martes o videoclip do tema 'Matriarcas', incluído no seu novo álbum 'Lúas de outubro e agosto', que sairá á venda o próximo 25 de novembro.

Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega, presenta no seu segundo traballo en solitario unha serie de composicións co nexo de unión da súa madureza musical.

Este segundo disco en solitario gravouse en xuño de 2014 nos estudios Alis Records de Baeza, con produción musical a cargo de Pachi Lis. Conta tamén coas colaboracións de Santi Cribeiro ao acordeón e Pablo Pascual co clarinete.

Guadi Galego publicou en 2009 o seu primeiro disco en solitario, Benzón. Con anterioridade, a artista foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, así como parte dos proxectos Nordestinas, Espido e aCadaCanto.