As axudas para fomentar a inserción laboral das vítimas de violencia de xénero están abertas até o venres

Publicado 18/08/2019 12:19:58CET
EUROPA PRESS - Archivo

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os interesados nas axudas para fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero no ámbito agroforestal, que convoca a Consellería do Medio Rural, teñen de prazo até o vindeiro venres, día 23 de agosto, para solicitalas.

Así, segundo lembrou a Xunta nun comunicado, estas subvencións, convocadas en réxime de concorrencia non competitiva, van destinadas ao financiamento da contratación deste colectivo por parte de empresas, entidades asociativas e persoas titulares de explotacións dos sectores agrario e forestal en Galicia.

A orde que as regula foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 23 de xullo e poden beneficiarse delas ditas entidades, empresas e cooperativas que cumpran os requisitos establecidos e que contraten, con carácter temporal, a mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas como demandantes de emprego ou de mellora do posto de traballo no Servizo Público de Emprego galego.

"Estas axudas ofrecen moitas vantaxes para os beneficiarios, entre elas que a contratación non lles suporá custo algún, xa que será cuberta na súa integridade pola subvención. Ademais, o cumprimento do obxectivo da axuda conséguese coa firma do contrato, polo que a entidade cobrará a totalidade da axuda ao comezo deste", destacou o Goberno galego.

As subvencións están financiadas cun orzamento total de 600.000 euros e enmárcanse nas medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que en Galicia coordina a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.