As choivas causan preto de 50 incidencias por árbores caídas e inundacións en Galicia

Publicado 11/10/2018 09:53:37CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Oct. (EUROPA PRESS) -

Os servizos de emerxencias atenderon durante a madrugada deste xoves preto de 50 incidencias relacionadas coas choivas caídas en Galicia e que mantiveron activo até primeira hora o aviso de nivel amarelo nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo informou o Centro Integral de Atención a Emerxencias 112-Galicia, a maior parte das incidencias foron provocadas pola caída de árbores e ramas e, por fortuna, non hai que lamentar persoas feridas.

A provincia da Coruña foi a que concentrou o maior número de incidencias relacionadas coa meteoroloxía, un total de 25, das que 12 foron retirada de obstáculos que entorpecían a circulación, como árbores, ramas, cables ou postes de iluminación caídos nas estradas.

Ademais, os servizos de emerxencias atenderon na Coruña 13 incidencias relacionadas con inundacións en vivendas, rúas e bolsas de auga en estradas.

En Pontevedra, pola súa banda, tiveron lugar 22 incidencias, das que 16 foron caída de árbores, ramas ou outros obstáculos e 12 inundacións ou bolsas de auga.

Os concellos que rexistraron mais incidencias foron A Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira, na Coruña, con cinco intervencións cada un; e Moaña (Pontevedra), onde se rexistraron tres incidencias.