As fortes choivas deixan até 94 litros por metro cadrado e un centenar de incidencias menores en Galicia

Choiva en Santiago
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: miércoles, 12 agosto 2020 17:29

As precipitacións provocaron bolsas de augas en estradas, inundacións de baixos e o desbordamento dun río en Barreiros (Lugo)

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Ago. (EUROPA PRESS) -

As fortes choivas caídas nas últimas horas en Galicia deixaron unhas precipitacións acumuladas de até 94 litros en Narón (A Coruña) e máis dun centenar de incidencias, a maior parte das cales foron de pouca importancia, de acordo co 112.

A maior parte das intervencións foron pola formación de bolsas de auga nas estradas e caídas de árbores, ademais dalgunhas inundacións en baixos, garaxes e vivendas.

En concreto, ao 112 cónstanlle 120 incidencias, das que 47 foron na provincia da Coruña, 30 en Lugo, 29 en Ourense e 14 en Pontevedra. En Barreiros (Lugo) os bombeiros tiveron que intervir ao desbordarse o río preto da praia de Arealonga, o que provocou que a auga entrase en baixos.

En Curtis (A Coruña), un vehículo quedou atrapado por unha bolsa de auga no polígono de Teixeiro e a persona que ía no seu interior foi rescatada ilesa.

Boa parte das incidencias centráronse nas comarcas da Coruña e Ferrol. O norte da comunidade galega estaba este mércores en risco por precipitacións intensas e, de acordo coa información facilitada por Meteogalicia, o máximo de choiva acumulada até as 14,30 horas foi en O Val, en Narón, con 94,4 litros por metro cadrado.

En Guísamo, en Bergondo (A Coruña), levan acumulados 94,1 litros por metro cadrado, mentres que en Lanzós, en Vilalba (Lugo), son 89,3.

En canto aos ventos, sopraron con forza de máis de 50 quilómetros por hora en Burela (Lugo), con 55,9 de máxima; Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), onde se alcanzaron os 50,3; e en Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), onde chegaron a 50,2.

Estes niveis de precipitacións provocaron algunhas incidencias, ningunha delas "destacada", segundo o 112. Na Coruña tívose que intervir por seis casos de canlóns atrancados, ademais de problemas en catro baixantes de terrazas e dúas caídas de cascotes, indicou o responsable de emerxencias do Concello, Carlos García Touriñán.

A maior parte das incidencias comunicáronse entre as 6,00 e as 9,30 horas deste mércores, agregou e explicou que os atascos se deberon a que, debido ao longo período sen choivas, os canlóns acumularan sucidade. En calquera caso considerou que se trata de problemas habituais cando chove con intensidade.

"BASTANTES" INDICENCIAS EN FERROL

Os bombeiros de Ferrol tiveron que atender "bastantes" incidencias desde as 7,00 horas de hoxe, aínda que se rexistraron algunhas xa pola noite. Producíronse, sobre todo, atascos en canlóns, desbordamentos de sumidoiros e algunhas inundacións, como a dun comercio na rúa Real.

Tamén tiveron que intervir para retirar unha árbore caída na estrada á Cetárea, explicaron fontes dos bombeiros da cidade, que explicaron que continúan con saídas para atender as incidencias.

Tanto as previsións da Aemet como as de Meteogalicia indican que as choivas fortes cesarán nas próximas horas e a situación normalizarase desde as 15,00 horas deste mércores, a partir de cando xa non hai avisos. A pesar de que a alerta inclúe a posibilidade de tormentas, Galicia non está a rexistrar raios na xornada de hoxe.