SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -
As pensións galegas --incluídas todas as do sistema-- aumentaron a súa contía un 3,6 por cento en maio, en relación ao mesmo mes do ano pasado, pero mantéñense como as máis baixas de España, cunha media de 719,61 euros, a 135,93 da media estatal, que alcanzou os 855,54 euros no quinto mes do ano.
En toda España, se destinou no presente mes de maio un total de 7.732 millóns de euros ao pagamento das pensións contributivas, un 5% máis que no mesmo mes de 2012, segundo datos feitos públicos este xoves polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
No conxunto do Estado, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares), situouse ao iniciarse maio en 855,54 euros mensuais, o que supón un aumento interanual do 3,3%.
No caso de Galicia, o número de pensións situouse este mes en 737.200, o que representa un incremento do 0,8% con respecto ao mesmo mes do ano anterior.
Por tipos, son 69.701 persoas as que perciben unha pensión por incapacidade permanente, cunha media de 797,57 euros; mentres que 454.564 teñen unha prestación por xubilación, cunha media de 808,95 euros; 185.441 os que perciben unha contía por viuvez, con 520,65 euros.
Así mesmo, 21.790 persoas contan cunha pensión de orfandade pola que ingresan unha media de 367 euros; e 5.704 galegos teñen unha en favor de familiares, cunha media de 462,25 euros.
Por provincias, os datos do ministerio evidencian que Lugo (cunha media de 638,72 euros) e Ourense (cunha media de 625,98 euros) continúan tamén coas pensións máis baixas do Estado.
DATOS ESTATAIS
Os datos do Ministerio indican que, no conxunto de España, a pensión media de xubilación alcanzou a principios do presente mes os 978,34 euros mensuais, o que supón un 3,6% máis respecto ao mesmo mes de 2012. Pola súa banda, a pensión media do sistema situouse ao iniciarse maio en 855,54 euros mensuais, o que supón un aumento interanual do 3,3%.
A pensión media de viuvez situouse en maio en 617,33 euros mensuais, un 2,7% máis, mentres que a de incapacidade permanente alcanzou unha contía media de 907,13 euros mensuais, cun incremento do 2,3%.
Así mesmo, a pensión media de orfandade ascendeu a 371,76 mensuais, un 1,3% máis que en maio de 2012, mentres que a de favor de familiares se situou en 500,01 euros ao mes, cun repunte do 3,1%.
En maio, o número de pensións contributivas da Seguridade Social era de 9.037.597, cun crecemento do 1,6% sobre igual mes de 2012. Desta cantidade, 5.430.419 foron de xubilación, cun repunte do 2,3% respecto a maio de 2012, mentres que 2.331.949 foron pensións de viuvez (+0,5%), 935.261 de incapacidade permanente (-1%), 302.256 de orfandade (+6,8%) e 37.712 a favor de familiares (-1,5%).
PAÍS VASCO, ASTURIAS E MADRID SEGUEN NA CABEZA
Por comunidades autónomas, sete delas máis Ceuta superaron en maio a pensión media nacional, establecida en 855,54 euros ao mes. País Vasco (1.056,48 euros), Madrid (1.011,93 euros) e Asturias (1.011,69 euros) rexistraron as pensións máis elevadas.
Séguenlles Navarra (972,57 euros), Ceuta (893,66 euros), Aragón (891,29 euros), Cantabria (890,13 euros), Cataluña (884,57 euros), Castilla e León (835,52 euros), La Rioja (820,19 euros), Melilla (819,85 euros), Canarias (801,14 euros), Castilla-La Mancha (798,09 euros), Comunidade Valenciana (786,47 euros), Baleares (784,37 euros) e Andalucía (778,17 euros).
Pechan a táboa, coas pensións menos cuantiosas, Murcia, cunha pensión media de 754,47 euros mensuais; Extremadura, con 723,24 euros, e Galicia, con 719,61 euros ao mes.