As Pontes (A Coruña) estuda unha folga xeral para o próximo 16 de outubro ante o anuncio de peche da central

Central térmica das Pontes (A Coruña)
LÍA PAZ
Publicado: domingo, 29 septiembre 2019 16:16

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O comité de crise reunido este domingo nas Pontes (A Coruña) estuda a convocatoria dunha folga xeral no municipio para o vindeiro mércores 16 de outubro para protestar ante o anuncio de peche da central térmica de Endesa.

   Así o trasladou a Europa Press este domingo o alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tras participar na reunión do comité de crise á que asistiron tamén partidos políticos da corporación, sindicatos e colectivos sociais.

   A folga que se planea para o próximo 16 de outubro complementarase cunha caravana de vehículos en Madrid. Precisamente, a capital do Estado acollerá este mércores unha reunión de representantes dos traballadores co Ministerio para a Transición Ecolóxica.

   O comité de crise reunido este domingo mantén a convocatoria de folga como unha idea que se paralizaría se o mércores o Goberno lles dá "saídas concretas" ante a decisión de Endesa. "Pero, en principio, como non contamos con iso, emprenderemos esa acción", sinala González Formoso.

   O máis inmediato será, por agora, que este luns haberá en Ferrol unha reunión de alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, A Mariña e Terra Chá, á que tamén asistirá o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.

   Xa o martes, está previsto que máis de 800 vehículos partan en caravana desde o municipio até A Coruña. Neste sentido, Valentín González Formoso quixo "animar á xente" a "secundar" esta mobilización na que participarán non só transportistas de carbón, senón tamén persoas particulares.