Ata 42 aloxamentos turísticos galegos reciben 531.000 euros para acometer melloras

Hotel en Santiago ocupación turística hostaleira turismo pernoctaciones
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: viernes, 23 agosto 2019 18:30

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ago. (EUROPA PRESS) -

   Un total de 42 aloxamentos turísticos galegos reciben unha suma de 531.000 euros para acometer obras de mellora de calidade en pensións, hoteis, apartamentos e establecementos de turismo rural emprazados na provincia da Coruña.

   A consellería de Cultura e Turismo resolveu o paquete de axudas dirixidas a este tipo de aloxamentos nas áreas de Ferrolterra, con seis proxecto beneficiados; A Coruña, con cinco; Santiago, con 16; Barbanza, con sete e a Costa da Morte, con oito establecementos que contarán coas subvencións do Plan de Mellora de Aloxamentos Turísticos (MAT) impulsado pola Xunta.

   Todos eles teñen o obxectivo de financiar actuacións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como obras para a optimización das instalacións que permitan conseguir certificacións de calidade, até o punto de elevar a súa categoría.

   Ao mesmo tempo, este plan tamén comprende iniciativas de climatización para favorecer a sustentabilidade, o aforro enerxético e a modernización e renovación do equipamento moble. Unha idea que pretende incidir especialmente nas pequenas e medianas empresas do sector para chegar a prestar servizos cos maiores estándares de calidade de Galicia.

   Desta maneira, a Xunta explicou este venres nun comunicado que esta partida de axudas poderá supor até o 30 ou 35 por cento do orzamento subvencionable de cada establecemento seleccionado para apoiar aos promotores.