O audiovisual galego opta a 10 galardóns nos Premios Goya, incluídos os de mellor película e mellor director

Publicado: sábado, 25 enero 2020 11:34

Oliver Laxe e 'O que arde' leva a palma en candidaturas, que tamén inclúen a Luís Tosar ou Santi Prego

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Palacio de Deportes de Málaga acollerá este sábado, día 25, a gran gala do cinema español, os Premios Goya, uns galardóns nos que Galicia e o audiovisual galego está representado por 10 candidaturas, entre as que figuran as de mellor película e mellor dirección.

Son, como ocorreu noutros festivais nacionais e internacionais, para a recoñecida película 'O que arde', de Oliver Laxe, que compite por facerse co Goya á mellor longametraxe xunto con 'Dolor y gloria', 'Intemperie', 'La trinchera infinita' e 'Mientras dure la guerra'.

Laxe aparece, ademais, como candidato ao Goya á mellor dirección, que se disputará con Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga; Pedro Almodóvar e Alejandro Amenábar.

Tamén para 'O que arde' --coprodución internacional a cargo de 4A4 Productions, Miramemira e Tarántula-- é unha das candidaturas á mellor actriz revelación, á que opta, aos seus 84 anos, Benedicta Sánchez.

No ámbito masculino, o de actor revelación, o audiovisual galego fai dobrete coa candidatura de Santi Prego, por 'Mientras dure la guerra', e con Enric Auquer, que opta a este premio pola súa participación na película 'Quien a hierro mata', coproducida por Vaca Films e ambientada en Galicia.

Desde 'Quien a hierro mata', o seu protagonista, o galego Luís Tosar, tamén opta ao Goya ao mellor actor principal, que se disputa con Karra Elejalde, Antonio Banderas e Antonio de la Torre.

SON, ANIMACIÓN E FOTOGRAFÍA

O cuarto Goya ao que opta 'O que arde' é o de mellor fotografía, que podería ser para Mauro Herce, mentres que 'Quien a hierro mata' tamén é candidata ao Goya ao mellor son, en nome de David Machado, Yasmina Praderas e Gabriel Gutiérrez.

Finalmente, o audiovisual galego tamén está representado nos Goya 2020 no premio de mellor curta de animación, ao que opta 'Homomaquia', do lucense David Fidalgo; e polo coruñés Eligio Montero que, xunto con Salvador Simó, son candidatos ao Goya ao mellor guión adaptado por 'Buñuel en el laberinto de las tortugas'.