SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Feb. (EUROPA PRESS) -
O líder de Máis Galiza, Carlos Aymerich, indicou que esta corrente aprobou por unanimidade "traballar para procurar que poida continuar no BNG", sempre e cando as negociacións coa UPG, a formación hexemónica, frutifiquen en que se recoñeza que na fronte nacionalista "hai dúas grandes sensibilidades, dúas grandes correntes".
Malia que o texto que se deu a coñecer tras o Consello Político desta corrente, celebrado este xoves, xoga á ambigüidade e estipula "seguir traballando pola unidade do nacionalismo", un concepto que iría máis alá do propio BNG, Carlos Aymerich sinalou que o que se aprobou por unanimidade foi "traballar para procurar que Máis Galiza poida continuar no BNG", ata que o 11 de marzo se celebre a asemblea decisiva.
En declaracións aos medios de comunicación, o exvoceiro parlamentario do BNG pediu abrir unha negociación coa dirección do Bloque para que, "se realmente hai ese interese de manter o BNG unido", iso "se verifique".
"Iso significa traballar para que se dean as condicións, os cambios que signifiquen que no BNG se recoñece que hai dúas grandes sensibilidades, dúas grandes correntes", destacou e reclamou as "rectificacións que sexan precisas para que ese recoñecemento se exprese a todos os niveis: en discurso político, en representación institucional e tamén na dirección do propio BNG".
ASEMBLEA NACIONAL
Ademais, indicou que iso debe facerse "dunha forma verificable e solemne" e apuntou a unha Asemblea Nacional. "Debemos traballar e esperemos que haxa receptividade pola actual maioría", apuntou.
Preguntado por que no comunicado público de Máis Galiza non se aludía ao proceso de negociación coa dirección do BNG, Aymerich limitouse a sinalar que "unha cousa é o comunicado e outra cousa é o que se aprobou".
Así mesmo, destacou que Máis Galiza aprobou tamén por unanimidade constituirse en partido político e que a asemblea prevista para o 11 de marzo "decida se ese partido debe traballar fóra ou dentro do BNG".
AYMERICH QUEDA NO BNG
En todo caso, el xa avanzou que, á marxe do que se decida nesa asemblea, el non abandonará o Bloque. "A miña --a postura-- é coñecida: sempre dixen que non vou marchar do BNG. A min botaranme do Bloque", proclamou.
Así mesmo, aclarou que a decisión de quedar no Bloque non depende de que o voceiro nacional actual, Guillerme Vázquez, sexa relevado. "Non, non pasa por iso; o que estamos a dicir é que se abra unha negociación", explicou e pediu que os acordos permitan que todas as correntes teñan un espazo na formación.
Aymerich recoñeceu que hai posturas distintas no seo da formación que lidera e destacou que, malia iso, alcanzaron un consenso no consello Político. A deste xoves foi unha reunión "densa", admitiu, na que tamén se acordou que "a xente que decida continuar no BNG poida, dalgunha forma, manter a súa vinculación con Máis Galiza".
O coordinador desta corrente defendeu que os críticos tamén puideron participar no conselo deste xoves. "De feito, participou xente de Esquerda Nacionalista. O que eu opino é que a xente debe ter un voto, non dous", apuntou, en alusión a algúns integrantes que decidiron a título individual deixar o BNG. "Se xa o decidiron eles penso que non poden decidilo outra vez en Máis Galiza", concluíu.