Beiras, sobre Unidas Podemos: "Hai cadros políticos que están a configurar unha nova caste"

Xosé Manuel Beiras, en declaracións aos medios
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: jueves, 9 mayo 2019 20:58

"Non se pode predicar fraternidade e exercitar o fraticidio", afirma coincidindo coa presentación do seu último libro

A CORUÑA, 9 May. (EUROPA PRESS) -

O fundador de Anova e histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras reivindicou que Anova e el, en particular, non deixaron de "dialogar até última hora" para que se garantise a coalición que no seu momento deu lugar a En Marea.

"Hai cadros políticos que predicaban aquilo da caste e que había que acabar coa caste e que están a configurar unha nova caste", reprochou en alusión a dirixentes de Unidas Podemos.

E é que, preguntado sobre se esta formación foi responsable de que non se lograse manter a unidade --coincidindo coa presentación do seu libro 'Nuredin ou taxista e Amedine ou pintor'--, defendeu que el sempre distingue entre o que son as organizacións "e os cadros políticos".

No caso de Anova, insistiu en que "sempre" tentou "fórmulas de unidade". "Non son nada responsable de que se fixese todo o contrario en certo momento", dixo Beiras, para quen iso evidencia falta de "cultura democrática".

"Non se pode predicar fraternidade e exercitar o fraticidio", sentenciou tamén o histórico dirixente nacionalista, quen asegurou que isto está a pasar "moito" tanto na política española e europea como a nivel internacional.

A DEMOCRACIA, EN CUESTIÓN

O político e economista fixo estas afirmacións antes de presentar o seu novo libro 'Nuredin ou taxista e Amedine ou pintor', no que recompila as súas crónicas sobre o Foro Social Mundial.

O volume trata, desde diferentes puntos de vista, a problemática do colonialismo, tanto explícito como non explícito. "Son as miñas impresións", dixo sobre o contido dunha obra que cualificou como "máis literaria que ensayística".

A publicación inclúe tamén unha introdución sobre a democracia, da que Beiras cuestionou que en España, no contexto actual, exista como tal. "O que estamos a participar non é propiamente democracia porque non é suficiente que haxa un sistema de partidos e de eleccións para que haxa democracia". "A democracia é outra cousa".

"Como pode dicirse que este sexa un Estado democrático se o centro do golpismo democrático está na cúpula do Poder Xudicial, se os membros do Tribunal Supremo sáltanse a Constitución, o Código Penal, a lei, inventándose delitos inexistentes?", preguntouse en referencia aos líderes independentistas cataláns encarcerados.

Por outra banda, cuestionouse se os que conforman Vox "son máis demócratas que Puigdemont". "Non hai cultura democrática no aparello do Estado", criticou Beiras, quen tachou tamén ao presidente de Brasil, Jair Bolsonaro, ou ao de Estados Unidos, Donald Trump, como "a reencarnación de Hitler en contextos históricos distintos". "E non pasa nada", lamentou.