Biólogos galegos ven "crucial" o uso sostible da auga porque algúns ríos están "lonxe" do "bo estado ecolóxico"

Actualizado 21/03/2008 14:01:27 CET

Alertan de que a contaminación conducirá a unha "crise da auga inevitable" e defenden un modelo de xestión baseado no "aforro"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) mostrou hoxe a súa "preocupación" polo estado dos ríos e dos lagos galegos, xa que, segundo os seus estudios, "un grande número" de tramos fluviais da comunidade están "lonxe" do concepto "bo estado ecolóxico" que define a Directiva Europea da Auga e, por iso, considerou "crucial" o uso sostible dos recursos hídricos.

Con motivo do Día Mundial da Auga, que se celebra mañá día 22 de marzo, o COBGA reclamou un "novo modelo de xestión do auga" co "aforro" como obxectivo principal. Así, avogou por axustar os custos dos servizos da auga ao seu prezo real, así como pola información e participación pública.

Neste sentido, os biólogos galegos consideraron "primordial" que Galicia cumpra os obxectivos ambientais aos que obriga a normativa europea. "A pesar das súas limitacións, esta normativa supón un xiro substancial porque resalta o uso sostible da auga, na súa calidade e nas súas funcións ecolóxicas", sinalaron.

Ademais, o COBGA reinvindicou a "riqueza" das masas de auga galegas, pola súa "riqueza, rareza e singularidade", polo que, na súa opinión, deben defenderse "co máximo rigor". Na mesma liña, subliñou a necesidade de que a conservación da biodiversidade sexa a "prioridade absoluta" en todos os plans, programas e políticas sectoriais.

LÓXICA CONSERVACIONISTA.

"Calquera proxecto que implique un uso importante da auga debe ter en conta os riscos ambientais e as incertezas que pode derivar", apuntaron os biólogos galegos, e avogaron por que "se impoña a lóxica conservacionista e unha xestión que tenda ao aforro".

De feito, alertaron de que os recursos hídricos diminúen no mundo pola "crecente contaminación", o que conducirá, na súa opinión, a unha "crise da auga aguda e inevitable". Entre as causas, o COBGA fixo especial fincapé en actividades humanas como "a destrución dos bosques" ou "o uso abusivo do formigón".

"En consecuencia, prodúcense riadas máis fortes e, nas épocas de seca, un descenso máis acusado das augas; estes cambios nas oscilacións naturais impiden predicir con exactitude o seu alcance e limitan a capacidade do home para reducir os riscos ou evitar futuros danos", explicaron os biólogos galegos.