O Bispado de Ourense aparta a un sacerdote acusado de abuso sexual

Publicado: viernes, 29 noviembre 2019 19:23

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O Bispado de Ourense decidiu apartar a un sacerdote da diocese acusado xudicialmente dun presunto delito de abuso sexual, segundo informa este venres a propia entidade eclesiástica nun comunicado.

   A diocese recoñece ter recibido a noticia dun presbítero con cargo pastoral contra o que existe un procedemento xudicial aberto "en relación a un presunto delito de abuso sexual".

   Por iso, decidiu apartar ao párroco --sobre o que non achega máis detalles-- do exercicio público do ministerio sacerdotal "mentres o procedemento segue en curso".

   "Por respecto ao procedemento de investigación en curso, á intimidade da posible vítima e á presunción de inocencia do sacerdote investigado, a Diocese de Ourense non realizará ningunha manifestación adicional a este comunicado ata que finalice o procedemento xudicial", sinala a entidade eclesiástica.

   Así mesmo, após expresar o seu respecto ao dereito constitucional á presunción de inocencia, a diocese lamenta o posible dano causado á vítima e ponse á súa disposición e á da xustiza para esclarecer este asunto.

   "Manifestamos a nosa firme condena e repulsa de calquera tipo de comportamento que atente contra a integridade física e moral dos menores e das persoas vulnerables, promovendo a tolerancia cero con este tipo de actuacións", engade o bispado que encabeza Leonardo Lemos Montanet.

   Trátase do segundo párroco apartado na diocese ourensá no que vai de ano por acusacións de abuso sexual.