O BNG abandona o hemiciclo en protesta pola súa "exclusión" do debate do traspaso da AP9 no Congreso

O BNG abandona o pleno en protesta pola súa exclusión do debate da AP9
EUROPA PRESS
Publicado: martes, 23 octubre 2018 11:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

O Grupo Parlamentario do BNG abandonou este martes o hemiciclo do Parlamento de Galicia en protesta pola súa "exclusión" do debate da proposición de lei de transferencia da AP9 que se realizará no Congreso dos Deputados após o levantamento do veto por parte do Goberno.

No arranque da sesión, en cuxo primeiro punto figura a elección dos membros da Cámara galega que se encargarán de defender esta proposta en Madrid, a portavoz do BNG, Ana Pontón, pediu a palabra para mostrar o seu rexeitamento ao que considera unha "pinza" entre PP, En Marea e PSdeG.

"Todos saben que esta lei foi escrita desde a primeira até a última liña polo BNG, demos unha batalla política para que esta lei sortease todas as dificultades que se foron dando, fixémolo con moitísima xenerosidade durante todos estes anos", sinalou.

Neste sentido, Ana Pontón considerou que, "desde un punto de vista ético e democrático", a situación que se dá este martes no Parlamento "non é presentable". "Ao final van ir a defender unha lei grupos que non cren nela, grupos que estiveron a vetar o debate, que son responsables de que subisen as peaxes e outros que nin tan sequera son capaces de condicionar os orzamentos do Estado a que se produza o rescate", censurou.