O BNG advirte por carta a Noriega que devolva a súa acta no prazo dunha semana

O rexedor de Teo pediu "unidade de acción" nos concellos para seguir co traballo iniciado tras as últimas municipais

Martiño Noriega (Plano Amplio)
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 febrero 2012 16:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

A secretaria de Organización do BNG, Montserrat Prado, remitiu unha carta ao alcalde de Teo, Martiño Noriega, na que lle dá "un prazo prudencial dunha semana" para que renuncie á súa acta no Concello teense. De non ser así, a formación "comunicará oficialmente ao Concello de Teo o seu abandono do BNG e, con iso, "a abdicación de toda representatividade desta formación política".

Na misiva remitida con data deste martes, á que tivo acceso Europa Press, Prado explica que se deu curso a órganos competentes a solicitude de baixa para formalizar o seu abandono do BNG, que Martiño Noriega presentou xunto a outro grupo de militantes a pasada semana.

Tamén argumenta a reclamación da acta de concelleiro baseándose no "acordo aprobado o día 20 de febreiro de 2012" na Executiva Nacional. A dirección nacionalista emitiu o pasado luns un comunicado no que se informaba do "acordo" para pedir a devolución das actas aos escindidos, se ben fontes nacionalistas consultadas por Europa Press explicaron que esta petición non chegou a ser votada.

Así as cousas, na misiva, que será extensiva a todos os edís que se atopen na mesma situación, pide "en nome e representación dos órganos de dirección do BNG" a "renuncia inmediata" á acta de concelleiro "para que tome posesión a seguinte persoa da lista que mantén a súa adhesión ao BNG". Ao respecto, engade que a súa elección como edil "ten orixe" na integración nunha candidatura do BNG".

"No caso de non proceder á renuncia, e transcorrido o prazo prudencial dunha semana, o BNG comunicará ao Concello de Teo e a todos os organismos e institucións nos que estiveses presente en calidade do Grupo Municipal do BNG o teu abandono do BNG e, con iso, a abdicación de toda representatividade desta formación política", indica nun segundo punto esta misiva.

Así mesmo, en este suposto, a carta conclúe sinalando que o BNG "instará o Concello de Teo a que adopte as medidas pertinentes para adecuar os dereitos políticos ou económicos que se deriven da situación anterior, de pertenza ao grupo municipal do BNG en Teo, á nova".

APOIO DE SEIS EDÍS

En días pasados, o alcalde de Teo compareceu con outros seis concelleiros do seu goberno local para explicar a vontade de todos eles de manter "a unidade de acción" no Concello teense, onde goberna con maioría absoluta dende as municipais do pasado mes de maio.

Nesta comparecencia expresou que contaba co apoio de cinco edís do seu grupo municipal, que tamén decidiron abandonar o BNG, e un concelleiro máis que vinculou a súa permanencia no Bloque a que a organización frentista permitise a "unidade de acción" no concello, que pasaría, en todo caso, pola coexistencia no goberno municipal de dúas siglas.

Outros dous concelleiros (un vinculado á UPG e outra a Máis Galiza) no BNG comunicaron ao alcalde que acatarán a directriz que adopte a organización nacionalista para estes casos.

Ademais do caso de Teo, tamén decidiron deixar o BNG en bloque os gobernos municipais de Maceda e Manzaneda. Nestes dous casos, os rexedores aseguraron que un corremento nas listas non daría as actas ao BNG, co que non tiñan esta acción prevista.

Contenido patrocinado