O BNG denuncia que Carballo "leva dez anos de seca" en investimentos da Xunta

Publicado 03/07/2019 18:34:25CET
BLOQUE NACIONALISTA GALLEGO

   Pontón acusa a Feijóo de visitar a localidade "só en campaña" e avanza que "presionará" no Parlamento para que a Xunta "cumpra" con Carballo

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O BNG avanzou que presentará unha batería de iniciativas para reclamar investimentos da Administración autonómica no municipio coruñés de Carballo, que, segundo a líder frontista, Ana Pontón; leva "dez anos de seca en investimentos" por parte do goberno do PP na Xunta.

   "No proceso de transformación e avance destes anos hai unha pata que fallou, porque a Xunta non está a cumprir con Carballo", denunciou a portavoz do Bloque após reunirse co novo grupo de goberno no Concello de Carballo liderado polo nacionalista Evencio Ferrero, que encara o seu quinto mandato á fronte da corporación.

   Así, o Bloque avanzou que "presionará" a través da súa acción no Parlamento de Galicia para que o Goberno autonómico "cumpra" cos investimentos no municipio da comarca de Bergantiños en actuacións como o inicio da variante polo tramo de acceso ao polígono industrial e a promoción de novo chan empresarial no concello.

   "A Xunta ten que recoñecer que é unha aberración que non exista esa variante nunha vila desta importancia", incidiu Pontón, que fixa como obxectivo que tanto esta infraestrutura como a ampliación do chan empresarial figuren nos orzamentos da Xunta para o próximo ano 2020.

   E é que, segundo incidiu a portavoz nacional da formación nacionalista, "os cambios postos en marcha" desde a chegada de Evencio Ferrero á Alcaldía "foron moi importantes pero insuficientes", polo que o BNG ten como meta "crear e maximizar espazos de oportunidade, mellorando o potencial económico, turístico e social".

   Deste xeito, após lamentar que Alberto Núñez Feijóo "só visite Carballo en campaña", tanto Pontón como Evencio Ferrero reclamaron "lealdade institucional" á Xunta "cos veciños" do municipio, á vez que avisan que continuarán "reivindicando servizos, dotacións e infraestruturas".

DERRIBA DUN EDIFICIO

   Á lista de "promesas incumpridas" co concello, o rexedor carballés sumou o derrbio dun edificio para evitar o desbordamento do río, unha actuación prevista para 2018 pero que aínda non foi ejectuda.

   "E levamos así ano tras ano, tras ano; e seguimos esperando cando é unha cuestión que require un investimento de 100.000 euros e sería unha actuación ejemplarizante para evitar construír na canle do río", remarcou o alcalde, que agradeceu o "compromiso" do grupo parlamentario da súa formación para levar ao Pazo do Hórreo as demandas do goberno municipal.