O BNG pide que se suspendan as eleccións na Mariña ante "a dimensión do rebrote"

Publicado: domingo, 5 julio 2020 18:18

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O BNG reuniu de urxencia á súa Executiva nacional este domingo e pediu a suspensión das eleccións na comarca, para a que a Xunta anunciou un peche polo brote de COVID-19, que entra en vigor ás 00,00 horas do luns e terminará o venres.

   A formación propón esta medida ante a "dimensión" do rebrote, que afecta a un centenar de persoas (106 deron positivo até agora e sete delas curáronse xa) e que provoca o confinamento de máis de 600, e "nun contexto no que falta un protocolo" por parte da Xunta. "A día de hoxe, Galicia segue sen ter un protocolo de actuación para afrontar un rebrote", insistiu.

   A "única prioridade", manifestou o BNG, ten que ser "a saúde das persoas, atallar o rebrote e minimizar as súas consecuencias". Non se pode someter aos veciños da comarca ao "dilema de escoller entre a preservación da súa saúde" e o dereito ao voto, sinalou e reivindicou que os cidadáns "teñen dereito a exercer o voto coas máximas garantías de seguridade sanitaria".

   Cando o brote estea "controlado e superado" será momento de "buscar a fórmula máis adecuada" para que os veciños dos 14 municipios afectados poidan exercer o seu dereito ao voto "con todas as garantías tanto democráticas como sanitarias", defendeu.

   A formación que lidera Ana Pontón acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de actuar con "improvisación e irresponsabilidade" desde que comezou o rebrote, "primeiro tentando minimizar o problema e despois tratando de eludir a súa responsabilidade nos concellos".