O BNG propón un debate na TVG cos líderes das forzas con representación no Parlamento galego con motivo das xerais

28A.- O BNG Propón Un Debate Na TVG Cos Líderes Das Forzas Con Repr
EUROPA PRESS
Publicado 14/03/2019 13:10:23CET

   O bloque censura que os partidos estatais só vexan en Galicia "un niño de votos" do que se esquecen pasados os comicios

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O BNG propuxo a celebración dun debate na Televisión de Galicia (TVG) cos líderes das catro forzas con representación no Parlamento de Galicia no marco da campaña das próximas eleccións xerais que se celebrarán o 28 de abril.

   Así o avanzou nunha rolda de prensa ofrecida este xoves en Santiago de Compostela o coordinador de campaña do Bloque, Rubén Cela, quen detallou que a súa formación xa trasladou esta petición tanto ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como aos distintos partidos con representación no Pazo do Hórreo.

   Na súa intervención, o político nacionalista mostrouse "convencido" de que o Partido Popular "non porá ningún problema" a este debate tendo en conta que, segundo indicou, "o BNG non está a propor nada que non se fixese no pasado".

   E é que, conforme lembrou, nos comicios xerais de 2008 celebrouse na televisión pública galega un debate a petición do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cos entón dirixentes do BNG e PSdeG, Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño, respectivamente.

   Por iso, após asegurar que "o medo é libre", mostrou o seu desexo de que Feijóo "non se escaquee" e dea ao conxunto da sociedade galega "a posibilidade de ver e contrastar as distintas opcións que representan as forzas políticas" con representación en Galicia.

   Neste sentido, despois de afirmar que de celebrarse o debate na TVG o Bloque estaría representado polo seu portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que a súa formación aceptará participar en todos os debates que se lle propoñan.

FALAR DOS PROBLEMAS DE GALICIA

   Na rolda de prensa, ademais, Rubén Cela destacou que o Bloque centrará a súa campaña en Galicia e nos problemas dos galegos fronte ás forzas que só se acordan da Comunidade galega cando se convocan as eleccións.

   "Imos pór todo o noso empeño para que nesta campaña Galicia non quede ausente, muda e ignorada", subliñou Cela, que censurado que os partidos estatais só vexan en Galicia "un niño de votos" do que se esquecen pasados os comicios.

   "Estamos fartos de que nos usen como mercadoría electoral, os paracaidistas só veñen de Madrid a Galicia a pedirnos o voto", asegurou nunha intervención na que lembrou que a única visita do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, á Comunidade galega tivo lugar a pasada fin de semana e coa convocatoria electoral en marcha.

Contador