O BNG proporá no pleno de Santiago esclarecer os recibos de luz que o Concello tería pagado á Catedral

Archivo - Arquivo - Inauguración da nova iluminación interior da Catedral de Santiago de Compostela, a 9 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela, Galicia, (España). Inaugurado por Iberdrola e o Cabildo, a catedral contará cunha nova iluminación en
César Arxina - Europa Press - Archivo
Publicado: martes, 21 septiembre 2021 17:17

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O BNG levará ao próximo pleno municipal de Santiago de Compostela para tratar de esclarecer o importe dos recibos da luz da Catedral que, de acordo cunha información publicada a semana pasada por 'elDiario.es', tería asumido o Concello entre 1968 e 2018.

   Ademais, o Bloque proporá que o Consistorio solicite, tras os correspondentes informes xurídicos, a "recuperación total ou parcial do importe, tendo en conta as posibilidades legais". De igual modo, a portavoz nacionalista no Concello, Goretti Sanmartín, pedirá "clarificar a situación de todos os impostos municipais" que corresponden a bens que sexan propiedade da Igrexa.

   Sanmartín tamén insiste na convocatoria dunha xunta de portavoces para que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, informe á oposición "sobre o pago irregular" de parte da electricidade da Catedral, porque a administración "debe ser transparente e non hai xustificación ningunha para ocultar o destino do diñeiro público".

   De acordo co publicado por 'elDiario.es' o martes pasado, un enxeñeiro técnico municipal elaborou un informe no ano 2012 --cando gobernaba o PP en maioría absoluta-- que suxería que a administración local estaba a pagar parte da factura da iluminación interior da Catedral desde 1968 sen que mediase ningún convenio oficial que o xustificase.

   O escrito explica que a basílica conta con tres tipos de subministración eléctrica. Unha primeira exterior, que é competencia do Concello; máis outras dúas interiores. Dentro destas, está a luz de uso diario, que si abonaba o Arcebispado, e unha terceira correspondente a "actos oficiais, retransmisións de TV e outros tipos de actos de importancia" que tamén custeaban as arcas municipais.

   "Por motivos que descoñezo o Concello asume o pago da enerxía eléctrica do mesmo, aínda que non do seu mantemento", expresa o técnico no seu informe, publicado por 'elDiario.es'.

   Este documento foi recuperado en 2016, unha vez Compostela Aberta chegara ao poder. No entanto, o goberno de Martiño Noriega deu até 2018 á Catedral para que regularizase esta situación, o cal foi recoñecido a semana pasada polo edil Xan Duro, que formou parte do goberno no anterior mandato.