O BNG de Teo renunciará a participar no goberno municipal, pero asegura que non promoverá ningunha moción de censura

O 'irmandiño' Francisco Trigo formaliza a súa baixa no BNG tras 30 anos de militancia

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 23 febrero 2012 20:50

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Feb. (EUROPA PRESS) -

O BNG de Teo celebrou este mércores a súa asemblea local para renovar os seus cargos na dirección nunha reunión na que tamén fixou posición institucional tras a renuncia de varios militantes, entre eles o alcalde, Martiño Noriega, a militar no BNG. Neste sentido, acordou que o Bloque "non participará no goberno municipal", posto que "non se darían as condicións para compartir proxecto de goberno con quen despreza" á formación frentista.

Con todo, asegura que "non promoverá nin apoiará un cambio de goberno local". "No que dependa do BNG, esta situación non vai ser ningunha oportunidade para o Partido Popular e a nosa actuación institucional seguirá sendo coherente e construtiva", comprometeu a asemblea local do Bloque.

Nun comunicado, os nacionalistas teenses lamentan que "a maior preocupación dos concelleiros que abandonaron a organización sexa pechar filas arredor do alcalde e debilitar ao BNG". "Foi a súa obsesión estes días, iso é o que significa a súa unidade de acción", sinalan, e engaden que "a preocupación do BNG de Teo é seguir traballando por un proxecto político coherente e centrado nos veciños de Teo, como sempre, porque o BNG non cambiou".

Desta forma, a asemblea local ratificou a decisión da Executiva Nacional de solicitar a renuncia "inmediata" ás actas de concelleiros que abandonaron a organización para que tomen posesión as seguintes persoas na lista. Xustifícao, segundo explican, "baseándose en que a elección dos cargos públicos foi obtida nunha candidatura do BNG, e quen propuxo a súa integración nesta lista do BNG foron os militantes do BNG de Teo".

Así, consideran que "a mellor achega que poden facer á normalidade institucional do Concello é deixar de integrar o goberno municipal, para evitar que o conflito promovido polo Encontro Irmandiño e compartido por Martiño Noriega, salpique os intereses dos veciños".

"DESCUALIFICANDO AO BNG"

"Todo o mundo pode comprender que se alguén decide marchar do BNG, descualificándoo e impulsar outro proxecto, as relacións e a confianza non segue sendo as mesmas", engaden.

Neste sentido, argumentan que non saben "con qué proxecto se gobernaría Teo no caso de que non fose o BNG quen formase o goberno". "Pero si sabemos que non respondería ao que decidiu colectivamente o mesmo BNG que conseguiu a maioría absoluta nas eleccións", agregou.

Ao respecto, considerou que "sería penoso e decepcionante, pero o BNG non ten a responsabilidade e non se mantería nun goberno meramente por conservar postos de poder".

NOVA ASEMBLEA LOCAL

A asemblea local elixiu a Andrés Fernández como novo responsable local e ten a Soedade Amieiro como vicerresponsable local. Nel estarán tamén os actuais concelleiros Manuel Anxo Fernández Baz e Carmen Diéguez. Tamén sinalaron que nos últimos días se produciron "novas altas da militancia".

Pola súa banda, o concelleiro que vinculara a súa continuidade no BNG a manter a unidade de acción, Xurxo Francos, decidiu formalizar a súa baixa, segundo fontes consultados por Europa Press, despois da decisión adoptada pola asemblea local.

Tamén o 'irmandiño' Francisco Trigo, militante no BNG dende a súa fundación, enviou a súa solicitude de baixa de militancia este xoves, segundo el mesmo confirmou a Europa Press.

Contenido patrocinado