Bombeiros de Vigo rescatan a un neno que quedou pechado no interior dun coche

Publicado: miércoles, 12 junio 2019 15:31

VIGO, 12 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os Bombeiros de Vigo rescataron a un neno que quedou pechado nun coche, e cuxa nai non podía acceder a el, porque deixara as chaves no interior do vehículo.

Segundo confirmaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde deste martes, na zona de Samil, onde acudiu unha dotación do 092 alertada porque un neno se atopaba pechado nun coche, que non se podía abrir por estaren as chaves no seu interior.

Unha vez no lugar, os axentes entrevistáronse coa nai do menor, que se atopaba moi nerviosa e que non se decidira a romper o cristal do portelo. O coche atopábase estacionado nunha zona de sombra, polo que o risco para o neno era menor.

A Policía optou por dar aviso ao servizo de bombeiros da cidade, e unha dotación presentouse no lugar, cunha ferramenta especial, coa que conseguiron abrir o coche e sacar ao neno, que non precisou asistencia médica.