Carballeda de Valdeorras, O Grove e A Pobra do Caramiñal mantéñense en máximas restricións polo coronavirus

Reunion do comite clínico do 13 de abril de 2021
ANA VARELA
Publicado: martes, 13 abril 2021 22:15

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Abr. (EUROPA PRESS) -

   Os municipios costeiros do Grove (Pontevedra) e A Pobra do Caramiñal (A Coruña), así como o ourensán de Carballeda de Valdeorras permanecerán desde a medianoite do próximo venres coas máximas restricións para afrontar a propagación do coronavirus, de forma que non se poderá saír nin entrar nestes municipios, salvo por causas xustificadas.

   O Grove e A Pobra do Caramiñal levan desde o venres 9 de abril con restricións máximas, un nivel ao que se incorporou este luns Carballeda de Valdeorras. Así, nestes municipios a hostalaría esta pechada (salvo comida para levar ou recoller) e están prohibidas as reunións de non convivintes, tanto en espazos públicos como privados.

   Esta é a principal decisión que transcendeu do comité clínico que asesora á Administración autonómica na toma de decisións pola pandemia da covid-19 celebrada este martes, pero a Consellería de Sanidade informou de que "quedaron temas por pechar", co que se prevé que as decisións de maior transcendencia se dean a coñecer este mércores.

   A análise da incidencia da pandemia despois dos festivos de Semana Santa centrou o comité clínico deste martes para decidir se procede un alivio nas restricións, por exemplo unha posible ampliación do toque de queda ás 23 horas (actualmente está fixado na Comunidade galega ás 22 horas) ou a repercusión sobre os horarios vixentes para a hostalaría.

   Pero como é habitual a noite dos martes, a Xunta só desvelou polo momento como queda a distribución dos niveis das restricións no mapa municipal galego.

OUTROS NIVEIS

   Así, tamén se determinou o nivel alto para os municipios ourensáns de Monterrei, Cortegada, Padrenda, O Barco de Valdeorras e Rubiá, o lucense de Barreiros, os coruñeses de Carral, Boimorto e Boiro e o pontevedrés da Illa de Arousa. Neste nivel, a hostalaría só pode servir nas terrazas cun aforamento do 50 por cento.

   Pola súa banda, os concellos do Irixo, Trabada, Meira, A Pobra do Brollón, Muxía, Cambre, Ortigueira, Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, As Neves, Gondomar, Vilaboa, Marín e Meaño quedan no nivel medio, que supón un aforamento do 30% no interior dos locais hostaleiros e do 50 por cento no exterior.

   No resto de municipios galegos estarán vixentes as restricións do nivel medio baixo, nos cales se pode ocupar até o 50% no interior de bares e restaurantes e até o 75% en terraza.

   Até o momento, nos tres niveis que non son de restricións máximas a hostalaría pode permanecer aberta até as 21.00 horas. Ademais, desde o pasado sábado 10 de abril están permitidas as reunións de non convivintes en espazos públicos e domicilios, cun máximo de catro persoas en interior e seis en exterior.