A CIG chama a "tomar as rúas" este 1 de maio para esixir un cambio "real e profundo"

Publicado: miércoles, 24 abril 2019 19:12

Convoca manifestacións en todas as cidades e en numerosas vilas, a principal en Vigo, baixo a lema 'Recuperar dereitos para avanzar'

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

A CIG fai un chamamento a "tomar as rúas" este 1 de maio, día internacional dos traballadores, para esixir un cambio "real e profundo" nas políticas "executadas coa escusa da crise".

Baixo a lema 'Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas', a central nacionalista convocou manifestacións en todas as cidades e en numerosas localidades este Primeiro de Maio.

Sairán ás 12,00 horas de Vigo --a central, á que acudirá o secretario xeral, Paulo Carril--, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, A Estrada, Ribeira, Cee, Lugo e San Cibrao. Ás 11,30 horas arrincará de Ourense, ás 12,30 horas de Santiago e ás 18,30 horas, de Cangas.

Nun contexto no que "segue crecendo a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega", a CIG denuncia ademais as "novas formas de explotación laboral" introducidas coas reformas laborais, que fomentan "un empobrecimiento xeneralizado da clase traballadora e un incremento de discriminacións de xénero".

Engade que a isto se suma "o desmantelamento" da industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.

CRÍTICAS A PSOE E PP

Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen "o Goberno español do PSOE demostrou que non tivo intención real de cambiar as políticas impostas polo PP".

Denuncia tamén que o presidente da Xunta, do PP, "disfrazado nun discurso fraudulentamente crítico contra o Goberno de Madrid, está a demostrar, coas súas accións, que non ten vontade de facer nada para evitar o dano que están a provocar as políticas neoliberais nin para frear a grave emerxencia nacional e social que atravesa Galicia".