Ciudadanos propón un "plan especial" para o "coidado do patrimonio do rural"

Publicado: sábado, 20 abril 2019 13:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

A candidata de Ciudadanos ao Congreso pola Coruña, Marta Rivera, visitou este sábado Ribeira acompañada pola candidata á alcaldía desta localidade, Laura Riveiro, onde avanzou que a formación aposta pola creación dun "plan especial" para o "coidado do patrimonio rural".

"Dedicaremos unha parte importante do 1,5% cultural do Orzamento do Ministerio de Fomento, xa que hai verdadeiras xoias nos nosos pobos", destacou Rivera.

A maiores, a candidata pola Coruña asegurou que Ciudadanos quere "inventariar, catalogar e actuar sobre todo o patrimonio en perigo".

Noutra orde de cousas, Rivera referiuse tamén ao debate electoral, asegurando que "Pedro Sánchez se tivo que encartar ao que era xusto e facer ese debate dobre", tras o que lamentou que fose necesario "chegar a esta situación". A maiores, criticou o "veto" que, segundo denuncian, sofre Ciudadanos na televisión pública galega.