En Común presenta como aval ante os galegos as medidas sociais aprobadas polo Goberno estatal

O vicepresidente segundo do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias (3d); o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas para os comicios galegos do 12 de xullo, Antón Gómez-Reino (4d); e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz (6d) durante un mitin
Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Publicado: domingo, 5 julio 2020 18:55

   A coalición explota a relevancia gañada por Yolanda Díaz, "a mellor ministra de Traballo da historia", segundo Pablo Iglesias

   VIGO, 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

   "Onde estabades hai un ano?", preguntou Pablo Iglesias ao comezo da súa intervención ás 300 persoas que seguiron, separadas pola distancia de rigor e portando as súas máscaras, o mitin celebrado este domingo no Auditorio do Mar de Vigo. "Imaxinabádesvos que Galicia En Común podía empuxar a que Yolanda Díaz se convertese na mellor ministra de Traballo da historia?".

   A coalición de esquerdas trata de explotar como aval ante os galegos, cando resta unha semana para a cita coas urnas do 12 de xullo, as medidas sociais impulsadas desde o Goberno do Estado, así como a relevancia gañada pola ferrolá Yolanda Díaz, que, como prometeu facer na súa aterraxe na campaña galega o pasado venres, está a envorcarse en arroupar a Galicia En Común.

   Este domingo, última xornada na que se poden publicar enquisas que relegan á coalición de esquerdas ao cuarto lugar cun abano de entre dous e sete escanos, o candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, recibiu o respaldo do vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, que, xunto coa ministra Yolanda Díaz, reivindicaron as medidas postas en marcha antes da pandemia e a forma de xestionar a crise "pondo as persoas no centro".

   Un balance que fai seu a coalición Galicia en Común-Anova Mareas, que insiste en chamar á participación e a erixirse como "clave" para disputar os deputados que, segundo Gómez-Reino, móvense entre o PP de Alberto Núñez Feijóo e a alianza que o aínda deputado no Congreso encabeza. Todo para traer a Galicia esa forma de xestionar "para as maiorías" que, din, provocou que "os poderes" queiran a Unidas Podemos fóra do Goberno central.

MITIN EN VIGO

    O Auditorio Mar de Vigo volveu ser, como na campaña das xerais de abril de 2019, o emprazamento para a aterraxe na campaña galega de Pablo Iglesias. A cidade olívica, "industrial" e "naval", é onde o partido morado e as súas fórmulas de confluencia logran mellores resultados nas xerais, aínda que só contan con dous concelleiros na corporación local que encabeza o socialista Abel Caballero.

    En Común reuniu este domingo aos referentes das tres patas da alianza: Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas de Santiago e A Coruña, estas últimas representadas polo exrexedor compostelán, Martiño Noriega, que ocupa o número tres pola provincia da Coruña nunha coalición que se pechou sobre a bucina para os errados comicios de abril e que se repetiu para esta cita do 12 de xullo.

   O mitin arrincaba puntual, apenas con cinco minutos de atraso sobre a hora prevista (12,00 horas) e ao mesmo tempo que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciaba en Lugo o peche da Mariña polo rebrote de coronavirus, un feito que, presumiblemente, marcará o que resta de campaña.

   Desde as 10,00 horas da mañá había xente esperando para entrar nun auditorio adaptadado á nova normalidade: todos sentados, separados polos dous metros de rigor e coa boca tapada con máscaras. Gómez-Reino, Iglesias, Díaz e Noriega (ademais dos candidatos Eva Solla, Marcos Cal e Iria Figueroa, que tamén interviñeron no acto) subiron ao estado mentres soaba a sintonía que Podemos emprega en campaña (non o 'jingle' de Galicia en Común) e despedíanse hora e media despois ao son do himno partisano do Bellaciao. As máscaras, omnipresentes nesta campaña, impedían saber quen entoaba e quen non a canción da resistencia italiana durante a Segunda Guerra Mundial.

PODEMOS "DOE" NO GOBERNO

   Sobre o escenario, Pablo Iglesias dedicou boa parte da súa intervención -na que empregou un ton menos exaltado que anteriores visitas a Galicia, a última o pasado mes de marzo-- a facer un repaso das medidas postas en marcha polo Goberno de coalición.

   "Que ninguén lle diga a este espazo político e aos galegos que hai cousas imposibles. Porque hai un ano o que vivimos non llo podía imaxinar ninguén", exclamou desde o atril un Iglesias que prometeu en marzo bañarse nun río con Gómez-Reino se se consuma o cambio na Xunta coa derrota de Feijóo, do que dixo que existe un "plan" para preparar o seu salto a Madrid como no seu día hóuboo para facer de Ciudadanos unha "bisagra" do bipartidismo.

   A ministra Yolanda Díaz, que en todos os mitins nos que participou esta campaña foi a máis ovacionada, tamén este domingo en Vigo, chamou aos galegos a tomar exemplo de Pablo Iglesias e "non tirar a toalla" porque "sempre tivo claro que para cambiar as cousas había que gobernar".

   Co afán de pór sobre a mesa que o cambio é posible se o electorado progresista acode a votar, Gómez-Reino incide en cada mitin que se nota o sinal de Unidas Podemos no Goberno e proclama que "xa é hora de que os galegos teñan un goberno á súa altura" para así "acabar coas desigualdades" que atribúe ao Ejeuctivo dun Feijóo "cego, xordo e mudo". "A pelexar cada voto nos días que quedan. É un momento decisivo, histórico neste país", proclamou Gómez-Reino desde o atril.

   Pola súa banda, o referente de Anova e baluarte das mareas municipalistas na candidatura, Martiño Noriega, eloxiou durante a súa intervención o papel desempañado por Iglesias e Díaz no Goberno do Estado e sentenciou que "non chega coa melancolía do bipartito" para acometer o reto de "cambiar" o rumbo de Galicia, polo que erixiu ao espazo da "unidade popular" como "o único que ten a capacidade de impugnar as cousas".