O Concello de Lugo decidirá mañá expropiar a outros sete municipios a súa propiedade nunha antiga prisión compartida

Actualizado 26/02/2008 18:59:56 CET

LUGO, 26 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Lugo acordará na Xunta de Goberno local de mañá o inicio dos trámites para expropiar a outros sete concellos do antigo partido xudicial a súa propiedade nunha prisión compartida que se atopa sen actividade dende hai doce anos.

O propio alcalde lucense, José López Orozco, adiantou hoxe estas intencións nunha rolda de prensa e avanzou que a taxación inicial que realizaron os técnicos municipais é de 1.505.614 euros por unha superficie de 2.250 metros cadrados. A maior porcentaxe de superficie corresponde ao municipio capitalino con 770 metros cadrados e o resto de concellos --Pol, Outeiro de Rei, Guntín, Friol, Castroverde, O Corgo e Castro de Rei-- dispoñen de 1729 metros cadrados.

O Concello de Lugo quere rehabilitar este antigo edificio para dedicalo a infraestrutura cultural, polo que depositará o diñeiro para iniciar os traballos, independentemente das medidas que poidan adoptar o resto de municipios que aínda teñen parte na prisión. Nestes momentos, esta prisión comarcal non ten ningunha utilidade, salvo un edificio anexo onde se atopa a Policía Local, aínda que o Goberno local lucense quere cambiala de sede.

O alcalde de Friol, o popular Antonio Muiña, lamentou que o Concello de Lugo non accedera a cederlles un "pequeno local", que era o desexo destes municipios, se ben se apresurou en anunciar que non farán deste asunto "unha guerra".