Condenan á aseguradora do Sergas a indemnizar a unha familia cun fillo que naceu con parálise cerebral

Actualizado: viernes, 25 enero 2019 15:48

A sentenza considera acreditada a "mala praxe" na asistencia ao parto no CHUO

VIGO, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

Un xulgado de Barcelona condena á aseguradora do Sergas a indemnizar a unha familia de Ourense que no ano 2010 deu a luz no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) a un bebé que foi diagnosticado de parálise cerebral con grave dano neurológico ao estimar que houbo "mala praxe" no parto.

O Xulgado de Instrución número 48 de Barcelona estima "integramente" na súa sentenza, á que tivo acceso Europa Press, a demanda desta familia de Ourense.

A sentenza declara a "responsabilidade civil directa" da demanda por contrato de aseguramiento que cobre a asistencia sanitaria recibida pola paciente no nacemento do menor.

Deste xeito, o xuíz condena á aseguradora do Sergas a indemnizar á familia por danos e prexuízos "deixando para un preito posterior a determinación das cantidades e dos intereses que deban abonarse".

O avogado da familia, Cipriano Castreje, manifestou a Europa Press que esta suma "non debería ser inferior ao millón de euros" dados os "severos" danos neurológicos e que non se sabe como afectarán ao menor en canto empece a desenvolver as funcións superiores pois se trata dunha lesión neurolóxica evolutiva.

INDEBIDA VALORACIÓN MÉDICA

A sentenza considera acreditado que existiu "mala praxe" na asistencia ao parto "por indebida valoración de antecedentes médicos", unha "excesiva duración do expulsivo despois de cesárea previa" e unha "errónea valoración dos rexistros cardiotocográficos fetales".

Así mesmo, a xuíza considera xustificado, en base ao exposto por tres peritos que declararon na vista oral, que o recentemente nado "sufriu unha hipoxia intraparto da que se derivou unha parálise cerebral discinetica que ten a súa orixe na referida hipoxia intraparto causada pola realización extemporánea da cesárea".

É dicir, segundo trasladou o avogado, a sentenza estima que esta "mala praxe" débese a que non se diagnosticou a dificultade do parto vaginal pola cesára anterior por sospeita de desproproción cefalopélvica e á excesiva duración do período expulsivo, dados os antecedentes da paciente e a posición fetal.

ANTECEDENTES

O avogado da familia explicou a Europa Press que a historia clínica do menor e os seus sucesivos informes evolutivos determinan que "perdeu osíxeno durante o parto" e que este feito "lle causou un severo dano cerebral con secuelas que foron evolucionando e agravándose co paso do tempo".

Pola súa banda, o Sergas alegou que "todo se fixo de forma correcta", pero non soubo explicar, segundo trasladou Castreje, o resultado "danoso".

Ante a negativa do Sergas a indemnizar aos pais do menor interpúxose esta demanda nos xulgados do Civil de Barcelona, sede da aseguradora do Sergas.

A sentenza non é firme e pode ser recorrida mediante recurso de apelación tanto pola aseguradora do Sergas como pola familia demandante.