A CRTVG celebra 25 anos da súa primeira emisión durante 24 horas por internet

Imaxe internet CRTVG 1997.
CRTVG
Publicado: lunes, 16 mayo 2022 18:20

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

   O Día das Letras Galegas de 1997 a CRTVG converteuse na primeira canle de Europa en emitir en tempo real pola rede as 24 horas do día. Para conectarse, o usuario necesitaba un módem á velocidade de 28,8 kbs.

   Así, hai 25 anos, a TVG lograba que os usuarios de Internet da época tivesen acceso durante toda a xornada á emisión de 'Galicia TV', a súa canle internacional.

   Segundo destacou o ente público nun comunicado, ese 17 de maio, ademais de poder elixir a emisión da canle internacional da TVG, os usuarios da páxina web da CRTVG dispuñan de vídeos promocionais da Radio Galega e da TVG, así como dun vídeo musical do espazo infantil e xuvenil 'Xabarín Club' e unha entrevista ao lucense Ánxel Fole, escritor homenaxeado ese ano no Día das Letras Galegas.

   Así mesmo, a CRTVG subliñou que a aquela primeira acción seguíronlle outras, "sempre na liña da innovación no ámbito dixital" e sinalou que "continúa aproximándose ás novas linguaxes" para tratar de alcanzar a todos os públicos nas canles onde se atopan e, para iso, engadiu, "experimentan con novas maneiras de comunicación e a innovación tecnolóxica".

   Neste sentido, pon en valor o programa #DígochoEu en Tik Tok como exemplo de "versatilidade da estratexia innovadora da canle" que, destacan, tamén foi o primeiro en facer 'slow tv' en España co programa 'Destino Santiago' no ano 2017.