Currás cre que a Caballero "non lle cabe dúbida" de que Lavacolla "é o aeroporto máis importante de Galicia"

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 21 mayo 2013 17:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 May. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, considerou este martes que ao rexedor de Vigo, Abel Caballero, "non lle cabe dúbida" de que o aeroporto compostelano de Lavacolla é "o máis importante de Galicia" e o que elixen as compañías internacionais "para voar a Galicia, non só para voar a Santiago".

Así o sinalou Currás, en declaracións aos medios, como resposta ás acusacións verquidas este luns polo rexedor olívico tras a reunión previa do Comité Aeroportuario. En concreto, Caballero acusou a Lavacolla de "competencia desleal" e á Xunta de "estar a acosar" ao aeródromo vigués con axudas á terminal de Santiago.

"Ninguén dubida de que Lavacolla é o aeroporto central de Galicia, que é o destino principal de Galicia e que levar o nome de Compostela por todo o mundo é levar o nome de Galicia", sinalou Currás, "Que a ninguén lle caiba dúbida, tampouco ao señor Caballero".

Sobre o funcionamento futuro do Comité Aeroportuario e a capacidade de chegar a acordos --algo que Abel Caballero vinculou o luns á retirada previa de todo tipo de subvencións--, Currás confiou en que "se"poida avanzar" para "lograr a eficiencia, a competitividade e a coordinación" entre os aeroportos galegos co obxectivo de beneficiar a Galicia "fronte a Oporto". "Se non avanza, non será por culpa do alcalde de Santiago, será por culpa doutros", sentenciou.

Contenido patrocinado