Un curtocircuíto motiva un pequeno incendio na fragata 'Cristóbal Colón', atracada en Ferrol

Equipos de extinción no incendio da fragata Cristóbal Colón
REMITIDA
Publicado: sábado, 17 agosto 2019 13:26

A rápida intervención da dotación e do persoal en terra permitiu sufocar en poucos minutos o lume

FERROL, 17 Ago. (EUROPA PRESS) -

Un curtocircuíto no cadro eléctrico que fornece o sistema de climatización situado na lavandaría da fragata 'Cristóbal Colón', a máis moderna da Armada española, motivou un pequeno incendio que grazas á rápida intervención da dotación do buque e do persona de terra que estaba no Arsenal Militar de Ferrol non provocou danos maiores.

O incidente produciuse sobre as 16,00 horas deste venres, cando o buque se atopaba amarrado na súa base, cando o curtocircuíto se estendeu pola climatización e de aí pasou a diverso material que existía na lavandaría, como sabas e toallas.

Foi entón cando o sistema de detección de fumes do buque fixo saltar a alarma, a través do sistema integrado de control da plataforma, deseñado por Navantia, empresa que construíu esta fragata nas súas instalacións de Ferrol, e iniciouse o illamento automático, mecánico e eléctrico da zona.

DOTACIÓN

Foi entón cando os militares que estaban a realizar a garda a bordo iniciaron o ataque do lume cos extintores e activouse o protocolo de auxilio exterior establecido no Arsenal de Ferrol, acudindo rapidamente para apoiar os equipos de bombeiros do Arsenal e de Navantia.

En menos de dez minutos o incendio estaba apagado e os danos producidos polo lume limitáronse ao equipo de climatización e algúns aveños de lavandaría.