Detido un home en Santiago como presunto autor de fotografías a mozas que logo subía a unha páxina web pornográfica

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 (EUROPA PRESS)

   A Policía Nacional de Santiago detivo este xoves 11 de outubro a un home como presunto acusado de fotografar a varias mozas novas mentres camiñaban polas rúas da localidade compostelá e, posteriormente, subir as imaxes a unha páxina web pornográfica.

   Fontes da Policía Nacional de Compostela confirmaron a Europa Press a detención dunha persona "en relación aos feitos" narrados, pero non quixeron realizar outro tipo de declaracións debido a que "hai unha investigación en curso", "por prudencia".

   Non entanto, a través das redes sociais fíxose viral na noite do mércores 10 de outubro ao xoves 11 un cartel con tipoloxía dos de 'búscase', no que se precisa a suposta identidade do autor dos feitos, e concrétase que "este individuo se dedica a filmar a mulleres e nenas pola Zona Nova de Santiago".

   O obxectivo, tal e como recolle o cartel, é "logo subir os vídeos a unha páxina porno --XVideos.com--" baixo un pseudónimo.

   Europa Press ingresou na web para comprobar se os vídeos, tal e como informaron fontes policiais, xa foran borrados, e, efectivamente, baixo o nome que o cartel difunde en redes sociais, xa non hai ningún tipo de vídeo asociado.

TESTEMUÑO DUNHA DAS AFECTADAS

   Así mesmo, Europa Press conseguiu contactar cunha das vítimas destas gravacións ilícitas, maior de idade, que tamén facilitou como proba un dos vídeos subidos a "diversas" webs pornográficas, xa que, tal e como informou a moza, este material presuntamente difundiuse por máis páxinas que XVideos.com, e que xa foron eliminados das mesmas.

   "Eu estaba coa miña parella vendo Instagram e vimos a noticia de que un home se adicaba a gravar á xente pola rúa, polo que entramos para ver se coñeciamos a alguén e atopámonos con que saïamos nós", contou sobre como foi coñecedora da existencia dun vídeo sobre ela.

   Polo que respecta ao contido do material audiovisual, a afectada explica que ela sae en saia e o seu movemento ao camiñar vese reducido a cámara súper lenta. Europa Press tivo acceso a este vídeo. "Son a única que sae en saia", indicou, xa que o resto de mozos aparecen en pantalón curto ou moi axustado.

   "Véseme en diferentes posicións e mesmo tentou gravar por baixo; a min non se me ve a cara, só saio reflectida nun escaparate, pero ao meu noivo véselle a cara enteira", asegurou, e engadiu que "quedamos en 'shock' coa situación". Ademais, explicou que esta mesma versión é a que xa trasladou á Policía Nacional na denuncia que interpuxo na tarde deste mércores 10 de outubro.

   En concreto, a gravación do devandito vídeo produciuse durante a festividade do Apóstolo en Santiago de Compostela, "o día 23 de xullo", segundo precisou a vítima, que o sabía por fotografías que tiña no seu móbil correspondentes a ese mesmo día, coa mesma roupa e cos mesmos amigos.

   "Na gravación (o home) está xusto pegado a min, e eu se alguén se me pon a gravar tan de preto doume conta; ademais a miña parella no vídeo sae mirando directamente á cámara, pero non se acorda de nada nin ten idea de nada", sinalou, e advertiu de que "poida que leva unha cámara espía, polo que nos dixo a Policía, moi pequena".

   Finalmente, a vítima quixo resaltar a Europa Press o feito de que a moitas das gravadas "si se lles pode apreciar a cara", mesmo "a menores" de idade.

Contador