Detido un mozo de 22 anos por apuñalar nunha perna a outro que mediou nunha pelexa en Vigo

Actualizado: sábado, 8 diciembre 2018 19:13

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A Policía Nacional detivo en Vigo a un mozo de 22 anos, de nacionalidade española e veciño de Baiona, que supostamente apuñalou nunha perna a outro home que tentou mediar nunha pelexa que se estaba producindo na praza de Portugal.

   Os feitos, segundo informa a Policía Nacioal, producíronse ás 02,25 horas do día 7, cando os veciños chamaron aos axentes porque se estaba producindo unha pelexa na praza, na que un dos implicados tiña un brazo escaiolado.

   Ao chegar ao lugar, tres mozos de preto de 20 anos, entre os que estaba o que levaba a escaiola, relataron aos axentes que foran agredidos por outro grupo de mozos que escaparan correndo, a través da rúa República Arxentina.

   Os axentes lograron localizar nese momento a tres novos que estaban a fuxir e, ao identificalos, comprobaron que un deles estaba a sangrar na parte superior da coxa debida a un profundo corte.

   Ao preguntarlle o motivo da ferida, aseguroulle que, cando mediaba nunha discusión, un mozo que levaba o brazo escaiolado e que formaba parte da liorta, sacara unha navalla negra e dourara e craváralla na perna.

   O mozo tivo que ser trasladado en ambulancia do 061 á PAC Vigo, debido a que precisaba de puntos de sutura.

   A navalla foi localizada pouco despois á beira dos mozos que foran identificados inicialmente, e procedeuse á detención do rapaz co brazo escaiolado como suposto autor dun delito de lesións con arma branca.

   O detido e as dilixencias foron postas a disposición do Xulgado de Garda de Vigo.