VIGO, 16 May. (EUROPA PRESS) -
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, J.I.D.S.A., de 20 anos de idade, como presunto autor dun roubo con forza e após propinarlle unha malleira a outro mozo para tentar subtraerlle un altofalante 'bluetooth'.
Os feitos ocorreron na madrugada do sábado, na contorna da Praza da Estrela, onde acudiu o 092 após recibir un aviso de que se estaba producindo unha agresión. Ao chegaren os axentes observaron un tumulto de persoas, que estaban a tratar de apartar a un mozo que non deixaba de golpear a outro, que se atopaba no chan.
A vítima estaba semiinconsciente e sangrando pola cara, polo que os axentes requiriron a presenza dunha ambulancia. Os axentes atenderon tamén ao presunto agresor, que presentaba dous cortes profundos na man.
As testemuñas que se atopaban no lugar explicaron aos policías que o mozo dos cortes iniciara a agresión, golpeando violentamente ao outro mozo na cara.
A vítima, de 19 anos de idade, unha vez recuperada a consciencia, relatoulles aos axentes que o sospeitoso se achegara a el para pedirlle un cigarro. Cando o mozo lle dixo que non tiña, esixiulle que lle dese un altofalante 'bluetooth' que levaba e, ante unha nova negativa, comezou a golpealo.
Por estes feitos, os axentes procederon á detención do suposto atacante, ao que lle atribúen un delito de roubo con forza.