Detido en Vigo por estamparlle un móbil no oído á súa parella

Actualizado 11/10/2018 14:28:15 CET

   VIGO, 11 Oct. (EUROPA PRESS) -

   Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, S.D.R., de 38 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, após agredir á súa parella, á que golpeou por todo o corpo, estampoulle un teléfono móbil na orella e mordeulle na cara.

   Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na madrugada deste xoves, cando unha dotación do 092 desprazouse ao PAC da rúa Pizarro, alertada pola presenza dunha muller que chegara en taxi, e que fora atacada pola súa parella.

   Os axentes entrevistáronse co taxista, quen relatou que recollera á muller na Avenida Castelao, que estaba a chorar, moi nerviosa, e que presentaba lesións no rostro e queixábase de dor nun oído.

   Así mesmo, a doutora que atendeu á vítima confirmou que esta recoñecera que fora agredida pola súa parella no transcurso dunha discusión. O suposto agresor rompeu un teléfono móbil golpeándoo contra a orella dereita da muller, e provocoulle lesións no tímpano, ademais de que presentaba golpes por todo o corpo e unha dentada nun lado da cara.

   A vítima facilitou á Policía a descrición da súa parella e a dirección. Unha vez no lugar, os axentes identificaron ao presunto agresor, cando se atopaba no interior dun taxi, e procederon á súa detención.