O exacalde de Muras volve ao banco por presunta prevaricación e enfróntase a 15 anos de inhabilitación

Publicado: sábado, 1 octubre 2022 10:25

   LUGO, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O exalcalde de Muras (Lugo), Isaam Algnam Azzam, volverá sentar no banco dos acusados como presunto autor dun delito de prevaricación, e será xulgado na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo este martes.

   Segundo se recolle no escrito de acusación pública, o exalcalde subscribiu decenas de contratos laborais temporais entre 2012 e 2015, sen seguir os procedementos regulados para seleccionar ao persoal. Todo isto fíxoo "con pleno coñecemento e vontade de que actuaba á marxe do ordenamento xurídico e de que ocasionaba un resultado materialmente inxusto co seu comportamento".

   A Fiscalía sinala, así mesmo, que algunhas das contratacións fixéronse logo dunha entrevista persoal do propio alcalde coas persoas contratadas, e que o rexedor fixo "caso omiso" das advertencias da interventora sobre as súas irregularidades.

   Por estes feitos, considérao autor dun delito continuado de prevaricación, e pide que sexa inhabilitado para emprego ou cargo público durante 15 anos.

   O exrexedor de Muras xa foi condenado por inxurias contra o seu sucesor, Manuel Requeijo, en 2016, e foi xulgado en 2021 por prevaricación, nesa ocasión por asinar resolucións en materia urbanística que beneficiaban á súa muller, aínda que foi absolto pola Audiencia.