Fefa Noia presidirá o tribunal que elixirá o seu substituto á fronte do CDG

Fefa Noia
XUNTA - Archivo
Publicado: miércoles, 23 octubre 2019 17:55

Deberá elixir entre oito candidatos presentados ao cargo, que se atopa vacante

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

Fefa Noia foi elixida como presidenta do tribunal que seleccionará ao seu substituto á fronte do Centro Dramático Galego (CDG), un posto que se atopa vacante desde o 1 de outubro após facerse efectiva a saída da até agora directora.

Na recente resolución publicada, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, nomea a Fefa Noia como presidenta deste xurado, que contará tamén con catro vocais e unha secretaria.

O catro vocais son: Artur Trillo (director teatral e actor de Talía Teatro), Paulo Rodríguez (director do Teatro Rosalía Castro) Dolores Vilavedra (coordinadora de artes escénicas no Consello da Cultura Galega) e José Manuel González Sanmartín. Como secretaria exercerá María José Felípez Regueira.

Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. A dramaturga abandonou o seu posto para emprender novas actividades profesionais logo case catro anos no cargo.

Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: 'Tartufo', de Molire, con dirección de Carles Alfaro; 'Martes de Carnaval', de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; 'Divinas Palabras Revolution', tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e 'Neorretranca e Posmorriña', de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.

En 2010, o CDG elixiu por primeira vez a súa dirección por concurso público, a elixida foi naquel entón Blanca Cendán, destituída en 2012. A ela substituíuna Manuel Guede --sen concurso público-- entre 2012 e 2015, após o que comeza a etapa de Noia.

OITO ASPIRANTES

O xurado elixido debe seleccionar ao novo responsable da
dirección artística entre un total de oito candidatos, unha muller e sete homes.

Na listaxe definitiva publicado hai uns días atópanse intérpretes da escena galega e dramaturgos: Eva Alonso Gómez, Julio Fernández Peláez, Francisco Javier Núñez Alonso, Gonzalo Méndez Mosquera, Héctor Mera Herbello, Francisco Manuel Peleteiro Román, Julián Rodríguez Novo e Pedro Alberto Rubín Garrido.

Este posto tamén inclúe a coordinación do Departamento de Produción Teatral na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como a xestión do Salón Teatro de Santiago de Compostela.