Actualizado 28/10/2011 20:43 CET

A Fegamp censura que a Xunta suprima as axudas de normalización lingüística aos concellos e opte por "paripés"

Traballadores de Normalización tampouco acoden ao acto de constitución da primeira Rede de Dinamización en sinal de "protesta"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Oct. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, recriminou á Xunta este venres que optara por montar "un paripé" en torno á constitución da primeira Rede de Dinamización Lingüística despois de anunciar aos concellos a suspensión das axudas para normalización, co que poñen "en perigo" uns 60 postos de traballo.

En declaracións a Europa Press, Fernández, que declinou asistir a este "acto folclórico" por "coherencia" tras a retirada das subvencións aos municipios, considerou "un contrasentido" que a Xunta "monte unha operación de imaxe ao crear unha rede sen contido económico e sen ningún compromiso" mentres "abandona" o "traballo real" que se leva a cabo dende o ámbito local para normalizar o uso do galego. "Isto é serio, non son cuestións folclóricas de '¡Canto quero á miña lingua!", expresou.

Porque, tal e como indicou, a retirada por parte do Goberno galego dos 600.000 euros que se repartían entre un total de 69 concellos supón un risco tamén para "un montón de actividades" pensadas para fomentar o uso do galego. Nas administracións públicas, nos establecementos hostaleiros e nos colexios, ademais de cursos para emigrantes para que poidan aprender o idioma de Galicia. "O abano de actuacións é enorme", describiu o exalcalde.

Non obstante, o "complicado" da actual situación económica fai "perigar a súa continuidade", toda vez que as administracións locais "non adoitan ter medios para facer fronte" en solitario" ao gasto que levan consigo. "Por responsabilidade, algúns apertaranse aínda máis o cinto e porán fondos propios, pero outros non poderán", evidenciou, tras puntualizar que a dinamización lingüística "non é unha competencia municipal".

En todo caso, o que Carlos Fernández ve "chocante" é que se retiraran os fondos a unha rede xa existente "o mesmo ano" que crea outra nova "sen ningún fundamento". "A Fegamp promoveu a adhesión dos concellos a esta nova rede, que nos parece ben, pero non que a Xunta quite as axudas", incidiu, para recriminar ao Executivo autonómico que "quite o que xa hai".

Ademais, ao fío desta situación, censurou que a Xunta "xogue cos municipios" e "sume" esta "recorte" aos que xa se acometeron no Plan Concertado. "Mesmo concellos do PP se están a queixar amargamente, porque é moito recorte, aínda que se queira disfrazar,", sentenciou quen dirixirá a institución municipalista ata o próximo 26 de novembro.

OUTRAS CRÍTICAS Á REDE

Á ausencia de Fernández no acto de constitución da Rede de Dinamización Lingüística sumouse a da Coordinadora de Traballadores deste ámbito, que se negou a asistir "en sinal de protesta" polo que considera "un desprezo" aos servizos de normalización municipais.

Despois de que o líder da Fegamp subliñase que para acudir ao acto a "aplaudir" si é "representativo" para a Xunta --tras as críticas do PP á súa situación "interina" na institución--, a CTNL mostrou tamén a súa oposición á retirada das axudas aos concellos.

"Non ten ningún sentido que, con esta rede, se pretenda, supostamente, apoiar ás entidades locais na promoción da lingua e, ao mesmo tempo, se lles retiren unhas moi precarias axudas que se veñen convocando dende hai 20 anos", concluíu, para criticar a liña seguida tamén a propia rede.

"Non conta co aval dos técnicos de normalización lingüística", resolveu a CTNL a través dun comunicado no que xulgou que "non ten sentido crear unha rede de traballo sen traballadores".

Iso, porque "non é necesario que os concellos" conten con servizos de normalización lingüística para formar parte da rede nin que envíen técnicos na materia aos órganos de decisión. "¿Quen vai planificar, xestionar e executar o traballo de dinamización?", pregúntase esta organización.