Feministas galegas contactan cos partidos políticos para "facer protagonistas ás mulleres" a próxima lexislatura

Feministas galegas presentan a 'Axenga Galega Feminista'
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 26 febrero 2020 13:31

   Reclaman máis investimento, novas lexislacións e implicación da comunidade educativa para camiñar cara á igualdade

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Feb. (EUROPA PRESS) -

   As plataformas de feministas galegas xa se puxeron en contacto cos partidos políticos para trasladarlles a 'Axenda Feminista Galega' e que así a inclúan no seu programa electoral, de forma que "as mulleres sexan as protagonistas" da próxima lexislatura.

   Baixo a lema: 'Se non conto non te voto', ideado con motivo das eleccións autonómicas de 2016, as feministas galegas volvéronse a agrupar neste 2020 para remitir a mesma mensaxe aos partidos nestes comicios, explicou este mércores a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, Rosa Arcos, en rolda de prensa.

   Entre as súas reivindicacións, as feministas galegas reclaman á Xunta a creación dunha Consellería para a Igualdade que conte co 0,5% dos orzamentos da autonomía que se destine a "políticas específicas para a igualdade de oportunidades" tanto o ámbito laboral, como económico e social.

   Ao próximo Goberno galego tamén lle solicitan a "aplicación íntegra da Lei 11/2007 do tratamento integral da violencia de xénero" --que a pesar de ser pioneira en España cren que debe "facerse efectiva ao 100 por cen"--, a implementación dunha comisión de seguimento ás políticas con perspectiva de xénero ou a creación dunha "verdadeira Rede de Centros de de Información á Muller (CIM) nos 313 concellos galegos" e a consecuente dotación de recursos para desenvolver a súa actividade.

   Ademais, as feministas galegas consideran que a violencia de xénero debe tratarse como "un tipo de terrorismo", "todos os asasinos matan cunha ideoloxía común", a de atentar contra mulleres polo feito de selo. Sosteñen que este feito debe promover "máis e mellor axuda ás vítimas" coa cobertura de todas as súas necesidades para que "poidan saír da violencia".

INVESTIMENTOS EN EDUCACIÓN

   Aínda que esta é a punta do iceberg da violencia contra a muller, as feministas galegas apostan por "investir en educación", é dicir, "en prevención". O obxectivo é "asegurar que toda a poboación teña esa formación preventiva tanto en igualdade como na prevención de actitudes machistas" a través de plans nos centros escolares nos que participe toda a comunidade educativa. Neste sentido, tamén denuncian que a día de hoxe "reciban financiamento os colexios que segregan por sexos".

   Ademais, apuntan publicar as "conclusións do primeiro Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020" e que "se tome nota" deste plan para "impulsar o seguinte", un paso que unha representante do Foro Feminista Maruxa Mallo Carmen Simón sente "totalmente necesario".

"O FEMINISMO É ABOLICIONISTA"

   Por outra banda, as feministas galegas reiteraron o seu posicionamento en contra da prostitución e os ventres de aluguer. Dentro da axenda que trasladaron esta semana ao PPdeG, PSdeG e BNG, as diversas plataformas incluíron a importancia de loitar contra "o comercio sexual reprodutivo" e apoiar "ás mulleres en situación de prostitución" a través dunha "rede colaborativa que atenda a súa necesidade e axúdelles á reinserción laboral e social".

   A este respecto, a experta Paula Fraga avogou por "conceptualizar a prostitución como unha forma de violencia machista" e crear unha "lexislación abolicionista" porque "se as propias leis favorecen" a prostitución aliméntase a idea de que "as mulleres poden ser compradas polos homes".

   Ademais, tamén inclúen reivindicacións para loitar contra a fenda salarial entre homes e mulleres, as pensións ou a perspectiva de xénero que reclaman para as mulleres nas políticas do sector primario, como o pesqueiro e o agrario.

CONTACTOS CON PARTIDOS

   Tras vexpor as liñas principais do documento presentado, as representantes das plataformas feministas aseguran que teñen "un proxecto sólido" e "compartido" para dar valor "ao tempo das mulleres".

   Así, Arcos tamén explicou que esta proposta foi remitida os partidos políticos. Tanto BNG como PSdeG xa confirmaron o seu "compromiso" por reunirse coas feministas antes das eleccións e o PPdeG ratificoulles a recepción do informe. Agora, tamén contactarán con Podemos Galicia para realizar o mesmo procedemento.

   Polo momento, cualifican como "un éxito" o feito de recibir resposta por parte das "principais forzas políticas" galegas e reiteran a súa posición de que os partidos non terán os votos das feministas se non contan con elas.