Galicia contabiliza 716 vítimas de COVID-19 tras a morte doutra usuaria da residencia de Outeiro (Lugo)

Unha ambulancia aparcada nas inmediacións da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo, Galicia (España), a 8 de setembro de 2020. A Xunta interveu o xeriátrico após detectar 99 positivos máis en covid-19, 94 deles en usuar
Carlos Castro - Europa Press
Publicado: domingo, 20 septiembre 2020 19:56

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Sep. (EUROPA PRESS) -

   A morte dunha muller nas últimas horas, tamén vinculada á residencia DomusVi de Outeiro de Rei (Lugo), elevou a 716 as vítimas mortais diagnosticadas con COVID-19 desde o inicio da pandemia.

   Fontes da Consellería de Sanidade informou na tarde deste domingo do falecemento desta muller, de 85 anos e con patoloxías previas, que permanecía ingresada con coronavirus no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

   Previamente este mesmo domingo, as autoridades sanitarias galegas notificaran as mortes doutras tres persoas en Lugo, das que dúas tamén estaban relacionadas co xeriátrico de Outeiro. En concreto, trátase dunha muller de 85 anos que estaba ingresada con COVID no HULA e outra de 88 que perdeu a vida no interior da residencia.

   A maiores, sen ter ningún vínculo con ningún centro, perdeu a vida un home de 96 anos que permanecía hospitalizado no HULA.

   Cos catro decesos notificados por Sanidade este domingo --un menos que o sábado--, as vítimas que deixa a pandemia de COVID-19 na Comunidade galega ascenden a 716. Ademais, a área sanitaria lucense, que acapara todas as mortes da xornada, superou os 80 falecidos en centros hospitalarios e colocouse en 81.

95 FALECIDOS NA 'NOVA NORMALIDADE'

   Desde o comezo da 'nova normalidade', o número de pacientes falecidos coa enfermidade en Galicia é de 95, tras a morte dunha muller o 7 de agosto.

   Antes diso, a Comunidade encadeara case dous meses --desde o 10 de xuño-- sen decesos relacionados co coronavirus. Este mércores, Galicia superaba os 700 falecidos.

   O maior balance de mortos dos últimos meses notificouse o pasado mércores, cando Sanidade informou dun total de sete. A última vez que se superou esta cifra foi o pasado 5 de maio, con nove decesos.