Gonzalo Caballero celebra un "novo triunfo" do PSdeG: "Queremos ser o futuro dos galegos"

26M.M.- Gonzalo Caballero Celebra Un "Novo Triunfo" Do Psdeg: "Queremos Ser O Futuro Dos Galegos"
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 27 mayo 2019 0:54

Considera que se abriu "un camiño sen retorno cara a unha nova Galicia" de "avance social"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 May. (EUROPA PRESS) -

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, celebrou o "novo triunfo" do Partido Socialista fronte á "hecatombe" do PP nas eleccións municipais e europeas deste domingo en Galicia. "As principais alcaldías de Galicia van estar lideradas polo PSdeG", sinalou.

"O PP empeza a ser parte da historia de Galicia pero nós queremos ser o presente e o futuro dos galegos. É un camiño sen retorno cara a unha nova Galicia, cara a unha Galicia do avance social", subliñou.

Co escrutinio practicamente pechado na maioría dos municipios galegos, Gonzalo Caballero compareceu ante os medios, aos que trasladou que a deste domingo é unha "noite histórica" para a política galega, cun "avance moi nítido" da organización que lidera.

"Nesta segunda volta electoral de eleccións municipais, autonómicas e europeas, os socialistas volvemos gañar para que a senda de avance social liderada por Pedro Sánchez siga adiante", destacou.

Así, incidiu en que, despois de que o PSdeG fose primeira forza en Galicia nas xerais do 28 de abril, "hai un novo triunfo electoral do Partido Socialista". "Podemos sinalar que é a forza política que lidera unha maioría de progreso en Galicia, que avanzamos en resultados no escenario urbano e no medio rural, que imos ter máis representantes, máis posicións de goberno e, sobre todo, máis apoio dos galegos e galegas", manifestou.

Neste punto, referiuse aos resultados xa practicamente pechados dos comicios á Eurocámara. "Queremos pór en valor que nas eleccións Europeas en Galicia, o PSdeG, con medio millón de votos, volve ser a primeira forza política en Galicia", expresou.

Aínda que o xefe de filas dos socialistas galegos subliñou na súa intervención que as "perspectivas son moi positivas", Gonzalo Caballero non se pronunciou polo momento sobre os posibles resultados as Deputacións provinciais.

"UN NOVO TEMPO EN GALICIA"

Á vista destes datos, Gonzalo Caballero incidiu en que se abre un "novo tempo en Galicia liderado polo PSdeG". "Somos un partido para encarar o futuro de Galicia con vocación maioritaria", manifestou.

Todo iso nunha intervención na que puxo en valor o "discorrer da xornada" no conxunto dos concellos "con total normalidade", así como o nivel de "participación". Ademais, agradeceu o labor da militancia, apoderados e interventores.

Desde o peche das urnas, na sede do Partido Socialista de Galicia respirábase certa alegría no que xa é o segundo exame electoral ao que se enfronta o PSdeG con Gonzalo Caballero á fronte dada a posibilidade de mellorar os resultados nos concellos, especialmente nas grandes cidades.

Precisamente, co escrutinio practicamente pechado, o Partido Socialista gaña as europeas en Galicia e imponse como primeira forza en tres cidades, Vigo, Ourense e Santiago. Ademais, mellora marcas amplamente na Coruña --onde está practicamente empatado co PP-- e Ferrol, nas que ten posibilidades para facerse co bastón de mando.

Estas cifras reforzan o liderado do secretario xeral dos socialistas galegos que, proximamente, desembarcará no Parlamento de Galicia. En concreto, o político vigués, que concorreu como número cinco nas listas do PSdeG por Pontevedra, --os socialistas fixéronse con catro escanos-- pasará a ocupar a acta que deixa Abel Losada, que foi elixido os comicios deste domingo como edil do Concello de Vigo.