SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Feb. (EUROPA PRESS) -
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, defendeu este xoves como "normal en todos os partidos" políticos que unha organización reclame as actas nas institucións aos militantes que soliciten a súa baixa. "Cando unha persoa se dá de baixa, o normal é que se demande a acta que obtivo, esa persoa cederaa ou non", reflexionou.
Así, preguntado en rolda de prensa pola petición de devolución de actas aos concelleiros que solicitaron a súa baixa na formación, como é o caso dos edís de Teo, Guillerme Vázquez remarcou que "simplemente é o normal" en calquera organización política".
Con todo, augurou, tras mostrarse sabedor de que a lei tamén avala que as actas pertencen a cada persoa, que "haberá xente que non as entregará". Nestes casos, "pasarán a ser o que sexa", en referencia a grupos de non adscritos.
Foron as súas palabras despois de que este mesmo mércores a secretaria de Organización do BNG, Montserrat Prado, instase por carta a, entre outros, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, a devolver a acta como concelleiro, para o cal se deu un prazo dunha semana.
Ademais, Guillerme Vázquez dirixe este sábado a constitución do primeiro Consello Nacional do BNG tras a celebración da XIII Asemblea Nacional, despois da cal se produciu a escisión de Encontro Irmandiño, o que tamén implicou a renuncia dos seus membros.
"Constituirase como está previsto, renovados os conselos comarcais libre e democraticamente, non ten maior consideración", manifestou ao respecto da reunión do máximo órgano de decisión entre asembleas que terá lugar este sábado.
Por outro lado, o voceiro nacional do Bloque declinou facer declaracións sobre o Consello Político que celebra este xoves Máis Galiza e no que se someterá a consideración o futuro desta corrente, que lidera Carlos Aymerich.
PRESENZA DA CIG
A comparecencia ante os medios tivo lugar tras unha reunión co secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen rexeitou que existan "datos obxectivos" que avalen as denuncias de que o seu sindicato promoveu un debate favorable cara á sensibilidade gañadora da asemblea do BNG.
"Nós non nos metemos no proceso interno do BNG, temos moi boas relacións, pero respectamos o seu proceso", manifestou Suso Seixo ao ser preguntado por esas voces que apuntaban esa tese.
Así, e sobre a dobre militancia na CIG e no BNG de distintos sindicalistas, como el mesmo, asegurou que "só faltaba que os afiliados" a un sindicado non puidesen facelo nun partido político, ao que agregou que iso "non supón interferencia de ningún tipo" nin nos procesos internos do sindicato, nin nos da organización frentista.