O II Encontro Leader Galicia aposta polo investimento, innovación e cooperación para impulsar o agro galego

Publicado 11/09/2019 17:08:03CET
XUNTA

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Sep. (EUROPA PRESS) -

O II Encontro Leader Galicia puxo de relevo o investimento, a innovación e a cooperación que necesita a Comunidade para impulsar o rural galego, que conta cunha partida de 84 millóns de euros procedentes do programa Leader 2014-2020 e que suma 175 millóns en total, de 2007 a 2020.

Á cita deste mércores, celebrada na Estrada (Pontevedra), acudiu o conselleiro de Medio Rural, José González, que destacou esta iniciativa como "unha das mellores ferramentas" que posúe a rexión "para facela crecer" e "dinamizar" o agro galego.

En concreto, o responsable do departamento referiuse aos proxectos destacados que se acollen aos plans Leader 2014-2020 e que están xestionados polos Grupos de Desenvolvemento do Rural (GDR).

Entre eles, subliñou os dedicados ás accións de mellora do contorno rural, obras de recuperación e rehabilitación do patrimonio histórico, iniciativas para a posta en marcha de novos recursos turísticos e para a creación ou mellora de áreas recreativas, áreas fluviais e sendeiros.

En total son 24 os grupos que impulsan estas medidas e que, a xuízo de González, son "primordiais" para lograr a dinamización destes espazos e "prioritarios" á hora de implantar políticas de desenvolvemento.

ESTRATEXIAS

Ademais, o conselleiro fixo mención ao recente anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a estratexia do Goberno galego, que se ampara en catro alicerces: Galicia verde, Galicia familiar, Galicia nova e Galicia innovadora. Catro ideas que "pasan por un rural forte", apunta.

Igualmente, nesta xornada púxose en valor o respaldo prestado desde esta medida a proxectos asociados ao desenvolvemento turístico, que entre 2007 e 2013 levou a cabo 644 iniciativas que posibilitaron a creación de 161 postos de traballo e a consolidación doutros 268, segundo explicou a Administración autonómica nun comunicado.

TRABALLOS

Con todo, no período de 2014 a 2020 o plan Leader complementará as axudas do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) que se dediquen ao turismo para conseguir unha "maior rendibilidade dos investimentos", sinalou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Polo que respecta aos anos 2018 e 2019, calcúlase que preto de 11,5 millóns de euros están suxeitos, directamente, á actividade turística ou de lecer e que, desta forma, consolidaranse máis de 100 postos de traballo e crearán máis de 98 empregos no sector.

Contador