Un incendio afecta a máis de 20 hectáreas en Chandrexa de Queixa (Ourense) e queda extinguido o de Lobeira

Publicado: domingo, 9 agosto 2020 11:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Ago. (EUROPA PRESS) -

Un incendio declarado no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa afecta xa a máis de 20 hectáreas, de acordo coas primeiras estimacións, informou a Xunta a través da conta de Twitter do 085.

O lume permanece activo e afecta á parroquia de Requeixo, segundo a mesma fonte. Súmase así aos outros tres lumes que quedan aínda sen extinguir na provincia con superficies superiores ás 20 hectáreas: o de Lobios, activo e que calcinou xa unhas 350; o de Muíños, estabilizado após queimar unhas 50 hectáreas (ambos en terreos do Parque Natural de Baixa Limia - Serra do Xurés) e o de Toén, estabilizado após afectar a 250 hectáreas.

Por outra banda, deuse por extinguido o terceiro incendio que afectaba actualmente a terreos do parque natural, o rexistrado na parroquia de Fraga, en Lobeira, que calcinou unhas 30 hectáreas.