Un incendio calcina por completo unha planta dunha vivenda en Vilalba (Lugo)

Archivo - Arquivo - Sede do 112, Axega
112 - Archivo
Publicado: domingo, 15 mayo 2022 10:48

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

   Un incendio calcinou por completo o segundo andar dunha vivenda de dúas plantas situada no municipio lucense de Vilalba, sen que se rexistrasen danos persoais.

   Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, os feitos sucederon na parroquia de San Lourenzo de Árbol na medianoite deste sábado. Nese momento, un familiar das persoas que vivían na casa alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia e, de inmediato, pasouse o aviso aos Bombeiros de Vilalba, aos axentes da Garda Civil e aos membros de Protección Civil da localidade.

   Os servizos de emerxencia traballaron no punto até as 03,30 horas, cando lograron sufocar por completo este incendio que calcinou por completo o segundo piso da casa.

INCENDIO NUNHA COCIÑA DE NARÓN

   Por outra banda, un incendio que se declarou sobre as 00,45 horas nun piso de tres andares situado en Ferraxón de Arriba, en Narón, provocou danos nunha das vivendas. Neste caso, tampouco resultou ferida ningunha persona.

   En concreto, o lume afectou á encimera e á campá extractora da cociña. Ademais, por mor da temperatura das chamas rebentou unha tubaxe, o que provocou que a habitación quedase alagada.

   Os xestores do 112 Galicia mobilizaron aos Bombeiros de Narón, aos axentes da Policía Nacional e Local e a Protección Civil da localidade.

INCENDIO NO PEIRAO DO BERBÉS

   Ademais, o 112 Galicia tamén informou este domingo dun incendio que calcinou dúas furgonetas no porto pesqueiro do peirao do Berbés, no concello de Vigo.

   Os feitos tiveron lugar ás 06,45 horas. A esa hora, o persoal do porto contactou co 112 Galicia para informar do incendio.

   Con estes datos, os xestores de emerxencias puxeron en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Vigo e os axentes da Policía Nacional e Local. Así mesmo, informaron á Autoridade Portuaria e á Garda Civil. As forzas da orde tratan de esclarecer as causas do suceso.