Manuel Lago rexeita a proposta para converterse na opción de consenso para ser o senador de En Marea

Publicado 12/06/2019 18:04:08CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jun. (EUROPA PRESS) -

O deputado de En Marea Manuel Lago rexeitou a proposta de converterse na opción de 'consenso' entre os dous sectores do grupo parlamentario e ser o senador por designación autonómica que corresponde ao partido instrumental como segunda forza na Cámara galega.

A proposición, segundo fontes consultadas por Europa Press, partiu do propio portavoz, Luís Villares, que buscou unha 'terceira vía' que evitase a votación prevista para a tarde noite deste mércores entre os deputados de En Marea de cara á elección dun candidato a ser representante do Parlamento autonómico durante a recentemente iniciada lexislatura na Cámara alta.

Deste xeito, mantense a votación entre os dous candidatos propostos: o exconcelleiro herculino José Manuel Sande --que goza do respaldo explícito dos deputados de Podemos-- e Mariló Candedo --elixida polo Consello das Mareas, máximo órgano de dirección do partido instrumental--.

As votacións realizaranse de maneira telemática a través das canles de comunicación interna do grupo e finalizará na medianoite deste mércores. A correlación de forzas que existe no grupo decántase ao lado dos críticos con Villares, que conta só co apoio explícito de tres dos seus 13 compañeiros no Pazo do Hórreo.

Contador