Mar segue a busca de situacións para depurar moluscos e defende que Morás cumpre os requisitos da UE

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 9 agosto 2011 19:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA 9 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería do Mar defendeu que Morás, en Xove (Lugo), cumpre "estritamente cos requisitos que esixe a normativa europea", pero continúa estudando unha situación alternativa para instalar a batea para depurar moluscos de zonas C, "en aras de achegar a máxima tranquilidade e eliminar a tensión" existente nalgunha confraría.

Nun comunicado, o departamento que dirixe Rosa Quintana explicou que, na reunión mantida esta mañá co comité de empresa de Insuíña-Pescanova, a conselleira afirmou que "nunca se adoptaría ningunha medida que poida prexudicar ao sector marisquero, pesqueiro ou acuicola".

Así, Quintana manifestou que entende a preocupación dos traballadores, que temen perder os seus empregos, pero destacou que a Xunta debe velar polos postos "de todos os sectores e iso inclúe os preto de 4.000 mariscadores".

"A miña función é defender todos os sectores da pesca e creo dar mostras abondas de buscar un equilibrio sen supoñer unha afectación a ningún dos subsectores", afirmou Quintana, que dixo que "o principal interesado" en non prexudicar a actividade é o departamento que dirixe.

A conselleira mandou unha mensaxe de tranquilidade ao sector e reiterou que o Goberno galego estudou "todo o litoral" de Galicia e que "continúa estudando na busca dunha situación alternativa a Morás", debido ás protestas xurdidas.

Contenido patrocinado