Medio Ambiente entende que o PXOM de Vigo "cumpre as garantías" e o remitirá ao concello a finais de semana

Actualizado 23/03/2008 19:18:12 CET

Manuel Vázquez avanza que "moi pronto" haberá noticias sobre Ence que significarán "un salto cuantitativo e cualitativo"

SANTIAGO DE COMPOSTEla, 23 Mar. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, avanzou hoxe que o seu departamento enviará a finais da próxima semana ao Concello de Vigo a súa autorización ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), por entender que este documento "cumpre todas as garantías ambientais" nos seus plans para desenvolver o urbanismo da cidade. Tras este respaldo, o novo plan urbanístico seguirá a súa tramitación, á espera do pronunciamento da Consellería de Política Territorial e tras un proceso de sete anos.

"Estamos convencidos de que se cumpren e danse garantías ambientais para o desenvolvemento do novo plan urbanístico de Vigo, e así recóllese no informe que eu espero que a final da próxima semana chegará ao concello", afirmou Manuel Vázquez en declaracións á Cadena SER, recollidas por Europa Press.

Vázquez avanzou así a decisión da súa consellería e asegurou tamén que todos os desenvolvementos individuais e colectivos que recolle o PXOM "serán sometidos a controis pola lei de avaliación ambiental estratéxica, isto dános a todos garantías de que o plan vai cumprir, no seu conxunto non vai haber maiores problemas".

En relación á Ría de Pontevedra, onde se atopa a pasteleira Ence-Elnosa, o conselleiro de Medio Ambiente recordou que é a empresa a que ten que decidir a nova situación da planta nun prazo temporal de dez anos. "Eu creo que con relación a Ence-Elnosa, imos intentar acurtar ese prazo de 2018, e eu espero que en datas moi próximas vai haber noticias moi importantes, non concluíntes, pero si un salto cualitativo importante, que será bo para a empresa, para os traballadores e para os cidadáns", aseverou.

LOCALIZACIÓN ALERNATIVA.

Por iso, augurou que no 2018 a Ría de Pontevedra "vai estar libre de empresas contaminantes". Segundo o conselleiro, a redución do prazo temporal en que Ence debe abandonar a súa actual localización farase a partir de propostas económicas. "Estase a traballar no bo camiño, e hai perspectivas bastante razoables", manifestou, "ao tempo que puntualizou que as situacións alternativas as teñen que buscar as empresas, todos queremos que queden en Galicia".

Así, en concreto, ao ser preguntado sobre un posible traslado de Ence á localidade coruñesa de As Pontes, o conselleiro admitiu que "sería unha opción que se á empresa lle vale, habería que analizar ambientalmente a súa viabilidade".

Entre os plans de futuro do seu departamento para o que queda de lexislatura, Vázquez enunciou que para a ampliación de espazos naturais de Galicia "queremos seguir comprando espazos naturais para protexelos, aumentar os parques naturais". Tamén apuntou a necesidade de poñer en marcha o plan de residuos sólidos galego, facendo do compost un elemento de futuro e, ao respecto, recoñeceu que Sogama deberá integrarse, polo menos ao principio, no novo sistema.

O conselleiro opinou que, tras esta lexislatura, "se adiantaría moito en política ambiental" en Galicia. Manuel Vázquez, quen é tamén dirixente do PSdeG en Ourense, defendeu a velocidade do "cambio" en Galicia co bipartito e, como exemplo, puxo a xestión para a depuración das rías.

"Nos próximos tres meses licitaremos as últimas depuradoras, son 600 millóns de euros para conseguir que dende A Garda ata Ribadeo, todas as rías galegas teñan depuradoras modernas", manifestou. O conselleiro apuntou que faltan catro depuradoras e que "hai un esforzo do goberno galego", ao tempo que insistiu en que este proceso "ten que estar rematado en tres meses".

"SEN QUE TREMA A MAN".

Sobre o cambio político vivido en Galicia a partir da chegada do bipartito á Xunta, Vázquez engadiu que "no substantivo, no fundamental, no estrutural, ao presidente e ao Goberno galego non lle está tremendo a man, e estamos a cambiar políticas a velocidade moi importante".

En relación ao descontento mostrado polos ecoloxistas dende a chegada do bipartito, o conselleiro de Medio Ambiente analizou que "segue habendo cousas que nos separan, porque formulan unha política moi utópica, moi de máximos, pero é que a vida é doutro xeito".

"Se un goberno se caracterizou por ser valente en políticas ambientais é o galego, o que pasa é que levamos dous anos e medio, e a xente quere unha política coma se levásemos quince anos, hai colectivos que cren que non debemos ter este tipo de confort, pero hai que saber convivir", aseverou.

Por último, Manuel Vázquez analizou os resultados das xerais do 9 de marzo e constatou que en Ourense se visualizou a "confianza na política de Zapatero, na política de Touriño e do goberno galego". Tamén eloxiou á cabeza de lista por esta provincia, Elena Espinosa, á que resaltou como "unha candidata magnífica que demostrou que sente este país, Galicia e Ourense".

Manifestou que, nun proceso lento e "imparable", a realidade é que en Galicia o PP "cada vez baixa máis" e que o PSdeG "subimos máis". "Eu creo que a primeira forza política nas próximas autonómicas será o Partido Socialista de Galicia con bastante diferenza", prognosticou. "Estase a demostrar que Galicia ten capacidade para un goberno de coalición, se temos que gobernar sós, encantados, e se os cidadáns deciden que gobernemos coaligados, haberá que facer caso a quen non se equivoca nunca", concluíu.