Miles de persoas maniféstanse en Santiago contra os "recortes" e a "privatización" da sanidade galega

Manifestación sanidade Santiago de Compostela
EUROPA PRESS
Publicado 10/02/2019 13:02:42CET

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

   Miles de persoas secundaron a manifestación en Santiago de Compostela convocada por SOS Sanidade pública en contra dos "recortes" sanitarios, a "precarización" e o impulso á "privatización" por parte do Goberno do PP na Xunta de Galicia, nun momento no que "nunca houbo tal mobilización de profesionais da sanidade".

   Após a pancarta co lema 'Sanidade Pública en Perigo', os manifestantes arrincaron ao mediodía na Alameda con cánticos como 'Feijóo, atende, a sanidade non se vende' ou 'Non á privatización', e co apoio de case unha quincena de colectivos e plataformas galegas, así como de profesionais do sector e traballadores.

   A protesta tamén estivo apoiada polos líderes dos principais partidos da oposición, Luís Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG), que puxeron o foco sobre a presenza, precisamente este domingo, de Feijóo na protesta en Madrid convocada contra o Goberno de Sánchez en lugar de atender as demandas da sanidade galega.

   A manifestación enmárcase nun contexto de conflitividade na sanidade galega, marcado pola folga de traballadores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a dimisión dos Xefes de Atención Primaria da área de Vigo ou das protestas do sector de ambulancias, como puxeron de manifesto desde a Plataforma SOS Sanidade Pública.

   Manuel Martín, portavoz da Plataforma, denunciou "que toda a cidadanía e traballadores sanitarios están absolutamente en rebelión porque é inadmisible que un bo sistema como o de hai anos sexa desmantelado polo afán de Feijóo de dar unha oportunidade ás multinacionais privadas que están a desembarcar en Galicia".

Contador